topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3610347

Alternativas visuais

js_element_orange
2006: OS RETOS DO MOVEMENTO OBREIRO PDF Imprimir Correo-e
Luns, 13 de Marzo do 2006

Image2006: OS RETOS DO MOVEMENTO OBREIRO

Xabier P. Dávila

As sociedades europeas son sociedades capitalistas baseadas na primacía da propiedade privada. Porén, a acumulación secular das loitas do movemento obreiro logrou modificar o modo de regulamento capitalista nalgúns aspectos esenciais:

1- O estado organizou servizos coma a educación e a sanidade tirándoos do ámbito de actividades rexidas pola lóxica de mercado. A creación dun sistema público de pensións ou do seguro de desemprego xunto coa provisión pública de servizos mellorou a situación das clases traballadoras liberándoas parcialmente do sometemento ao capital.

2- O recoñecemento das organizacións sindicais e a negociación colectiva reforzou a posición negociadora da forza de traballo que xa non se enfronta individualmente co empresario senón a través da mediación da forza colectiva expresada no sindicato.

Nos 30 anos que suceden á 2ª Guerra Mundial este modelo desenvólvese na súa plenitude. Son décadas de aumento constante dos salarios reais, de recoñecemento institucional da participación obreira na xestión das empresas e de ampliación dos servizos e prestacións do Estado de Benestar. Este proceso foi moito máis lento ou inexistente nas ditaduras do sur de Europa: Portugal, Grecia e Estado español. Nestes estados só se conseguiu a liberdade sindical após a queda das ditaduras. No Estado español a universalización do sistema de pensións e da sanidade pública, o dereito á negociación colectiva chegarán nos anos 80 do século pasado xunto coa democracia.

O aumento da capacidade negociadora da clase traballadora incrementou a participación dos salarios na renda total, o desenvolvemento dos servizos públicos permitiu a aparición dun grupo de traballadores-funcionarios non sometidos ao dominio directo do capital, a provisión pública de pensións, sanidade e educación reduciu espazos para a valorización do capital. A resposta das clases dominantes comeza ao final da década dos 70 do S.XX e segue varias liñas estratéxicas:

1- Reducir o peso do estado na economía privatizando empresas.

2- Substituír a provisión pública de servizos por servizos privados.

3- Segmentar a clase traballadora reducindo a súa capacidade negociadora multiplicando os tipos de contratos.

No Estado español o resultado desta estratexia é contraditorio. Avanzou a privatización do ensino, mais o sistema de pensións e o sistema sanitario seguen a ser fundamentalmente públicos. Por outra banda tanto o goberno galego como o goberno central manifestan a súa vontade e dan pasos efectivos para crearen un novo sistema público de atención ás persoas dependentes que por certo a dereita foi incapaz de crear nos 8 anos que estivo no goberno central e nos 16 que estivo no goberno galego.

Onde está a ser máis exitosa a estratexia capitalista? Sen dúbida na reforma das relacións laborais. As sucesivas reformas das modalidades de contratación aumentaron a capacidade de presión dos empresarios fronte aos traballadores. A clase segméntase nun grupo de traballadores con contratos indefinidos e organización sindical e outro que rota de contrato en contrato, sen capacidade de negociar co empresario e que se ve na obriga de aceptar as condicións que este lle impón. Os traballadores precarios, fundamentalmente mozos e mulleres, non poden exercer dereitos establecidos na Constitución española. O seu empresario lembraralles oportunamente que o exercicio do dereito á sindicación ( art. 28.1 da CE) e de folga ( art. 28.2 da CE) poden supoñer o seu despedimento. Pois ben, a supresión de facto destes dereitos constitucionais para centos de miles de traballadores non supón, aínda, un escándalo público.

O último indicador laboral de comunidades autónomas ven confirmar, outravolta, cos seus datos esta análise. O salario real descendeu por quinto trimestre consecutivo e a perda de poder adquisitivo é dun 1,4% dende xuño do 2004. O informe prevé que esta tendencia vai continuar no futuro e que en xuño do 2006 o salario real descenderá ata o nivel de 1997. A temporalidade aumentou un 1,8% no ano 2005 ata acadar o 33,8% dos asalariados.

A precarización do traballo está a reducir a capacidade de negociación da clase traballadora. A redución da capacidade de negociación conleva o descenso do salario real e a incremento do tempo de traballo. A combinación destes dous factores produce o efecto desexado: aumento da plusvalía apropiada polos empresarios e tradúcese en crecentes beneficios empresariais e crecente desigualdade social. Invertir esta tendencia é o reto principal do movemento obreiro neste comezo de século.

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.