topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3610224

Alternativas visuais

js_element_orange
O Renacemento na Guarda (VI) PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 26 de Marzo do 2006

O RENACEMENTO NA GUARDA (VI)

Xurxo González

 

Outros restos do século XVI

Para rematar este estudio sobre o Renacemento na Guarda imos a falar de vestixios dos que non se ten clara a súa localización temporal. Esta dificultade fai que nos sexa moi difícil distinguilos de elementos engadidos en épocas posteriores. Asemade está investigación ten que rebaixar o listón da fidelidade científica e botar man da tradición e, incluso, de lendas para desvelar o pasado.

No barrio de Riba da Vila existe unha capela dedicada á Virxe da Guía, unha igrexa onde remata o Via Crucis que partía da porta oeste da antiga muralla. Vellos documentos do século en cuestión falan dunha doazón testamentaria na que un mariñeiro da Guarda lega “veinticinco diñeiros para a capela de Nosa Señora da Guía, situada nos extramuros da vila da Guarda”. Este predio relixioso ten unha estructura rectangular cun pórtico tetrástilo. É un edificio no que se ve que sufriu muitas reformas, as sinais que indican isto son as partes baixas dos muros, a porta adintelada, a base do pórtico ou as columnas. A pataloxía destes elementos arquitectónicos lévanos a dicir que forman parte da estructura primixenia desta capela, unha construcción situada no século XVI, no Renacemento.

ImageA igrexa de San Lorenzo da freguesía de Salcidos -con San Roque como patrón-, comezou a construirse no ano 1530 cando acuciaban as consecuencias da peste. Daquela era párroco D. Álvaro de Ozores, descendente dos Condes de Priegue, nado en Santa Comba da Pena Furada, en Oleiros (Salvaterra) e que sería aquel que ten o sepulcro no convento bieito na Guarda. Esta igrexa sería construída sobre outra máis antiga dedicada a Santa Eulalia, doada no século XII ao mosteiro de Oia. Mais este templo sufriu fondas reformas no século XVIII e non resulta fácil diferenciar os elementos que perduran das distintas fases constructivas.

Por último a nosa mira diríxese á Capela das Ánimas, na igrexa parroquial da Guarda. Alí existe un retábulo churrigueresco que ten no centro un Xesucristo crucificado, denominado popularmente como o “Cristo das Augas”, que segundo a tradición ou a lenda, foi unha imaxe botada ao mar polos cristiáns ingleses durante o reinado de Enrique VIII, alá polo 1581. Segundo o legado oral esta escultura foi atopado, exento da cruz, índose a enlíar nas redes dos mariñeiros da Guarda. É un cristo de tres cravos, ten unhas vestiduras moi volumétricas, o corpo ten un canón estirado mais non capta totalmente os síntomas de cansanzo e ten feridas que botan sangue en bastante cantidade recordando a tradicción escultórica gótica.

E aquí poño fin a esta serie de aportacións de informacións sobre o Renacemento na Guarda. Unha época que, tal como vimos, pasa por ser unha das máis pródigas dentro do legado patrimonial desta vila. É unha pena que moi pouca xente soubera destas pegadas históricas. Apartires de hoxe agardemos que existan máis motivos para dalos a coñecer a veciños e visitantes e, o máis importante, para conservalos.

 
< Ant.   Seg. >
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.