|
Democracia colonial
Gustavo Luca É case imposíbel non sentirse atraído por algunha idea, unha frase, unha palabra de calquera campaña eleitoral no ancho mundo. E por que cando nos invitan a solidarizarnos cun programa ou unha fracción nas eleccións de Israel preferimos a abstención? Porque non hai unha que non defenda a ocupación de Palestina.
Isto significa que dende o gañador Ehud Olmert, continuador da política de colonización consumada (negociábel nos recortes, pero consumada) de Ariel Sharon, ate os chamados partidos árabes-israelitas, considéranse con dereito a ocuparen todo ou parte de Palestina. Se a Lei establece que aquel que toma o que non é seu debe restituílo para ser exculpado, que excepción beneficia aos partidos actuantes na política de Israel para se reclamaren, en parte ou en todo, propietarios do roubado? A resposta dos once partidos con papeleta na convocatoria do domingo pasado para renovar o Parlamento de Israel revela unidade de fondo sobre o direito ás terras de Palestina. Para o partido de Olmert, corresponde só ao governo de Israel decidir que porcentaxe do mapa espoliado debe regresar a mans dos palestinos e para evitar de por vida as discusións de lindes acelera a construcción do muro. Olmert continua o pragmatismo militar de Sharon que consiste en subordinar o discurso político á forza das armas. Os partidos ortodoxos acusan a Olmert de traizón aos textos sagrados (o mapa de Israel pintado na Biblia) e Olmert responde que a política real sae da bocacha do fusil, non das escrituras. Retirarse de Palestina segundo nos interese a nós (Olmert e os laboristas) ou, o que é o mesmo, evitar aqueles aspectos da colonización prexudiciais para a existencia de Israel. Como di Haim Ramón, ideólogo de gabinete de Sharon, se a ocupación é un cancro para o Estado, debemos defender ao Estado mediante un muro terapéutico. Manterse de momento en Palestina, como quer o Likud, en caída libre despois de ser abandonado na berma por Sharon coma un carro avariado. E se retirar mediante negociación, como defenden os demais, por exemplo os comunistas do Hadash, que se proclaman marxistas coa boca grande e colonialistas coa boca pequena e con moitas escusas trapalleiras e mendaces. Non estraña que a abstención aumente. Dinque todas estas propostas maniféstanse na única democracia formal de Oriente Próximo pero sería mellor definila coma democracia colonial. |