topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3609465

Alternativas visuais

js_element_orange
COA FOLGA DO METAL PDF Imprimir Correo-e
Martes, 09 de Maio do 2006

ImageCoa folga do metal

Xabier P. Dávila

Dende o día 3 de maio máis de 20.000 traballadores do metal están en folga para presionar á patronal na negocición do convenio colectivo do sector. A folga está a ser masiva en toda a Provincia. As organizacións sindicais dan porcentaxes do 95%, 100% en Vigo e Pontevedra, só se traballaría en pequenos obradoiros das vilas.

A folga caracterízase pola gran combatividade e participación. A CIG posúe o 50% da representatividade do sector en toda a provincia. O epicentro sitúase en Vigo. Como é tradicional no sector os traballadores xúntanse de mañanciña nas empresas para dende alí se dirixir en manifestación, ocupando as rúas da cidade, até a Praza do Concello. As asembleas, diarias, son masivas, miles de traballadores. Salienta a presenza da mocidade, traballadores moi novos que, algúns por vez primeira, se senten parte da loita organizada da súa clase. Garántese así a transmisión da cultura de clase: organización, unión, solidariedade, loita. Xermolo de futuros cadros sindicais. 

Os medios de comunicación subliñan os incidentes e deixan nun segundo plano as causas da mobilización. Organizar, xuntar vontades é difícil. Os traballadores só se deciden á folga cando existen razóns de peso. 

Boa parte do sector xira ao redor de dous centros de atracción: o automóbil e a construción naval. A partir da empresa máis poderosa organízase a pirámide. No cume a empresa principal. Os seus traballadores conservan os contratos fixos e os dereitos que conqueriron no pasado con organización e loita. Respéctanse os convenios colectivos, respéctanse os horarios establecidos no convenio. Mesmo dentro desta empresa principal aparecen colectivos de traballadores máis novos con contratos temporais, con contratos lixo. Por debaixo unha morea de auxiliares, fabricantes de compoñentes, contratas e subcontratas. Nalgúns casos unha escasa cultura tecnolóxica e organizativa, precariedade, baixos salarios, escasa formación en seguridade, rotación, accidentes laborais, presión das mutuas para reducir os tempos das baixas por enfermidade ou accidente, xornadas de 11 horas para completar o escaso salario do convenio... 

Este modelo produtivo non é exclusivo de Vigo. Pola contra é a alternativa que artellou o capital mundial para responder á forza organizada da clase obreira que producira o sistema fordista dos anos sesenta e setenta do século pasado. Vigo viviu como un drama a reconversión naval. Os Luns ao Sol, o filme de León de Aranoa é unha testemuña das consecuencias humanas dos despedimentos. Despois da crise a construción naval vive unha nova auxe. ¿Que cambiou? Barreras que chegou ocupar maís de mil traballadores, constrúe agora grandes buques con menos de 200 traballadores no seu cadro de persoal. O proxecto presentado publicamente pola dirección é deixalos nuns 80. ¿Quen constrúe xa que logo os grandes ferris que ollamos cando paseamos por diante da factoría? Traballadores das contratas e subcontratas mal pagos, que fan xornadas extenuantes propias da primeira metade do século pasado. 

Neste contexto a patronal propuxo a creación dunha bolsa de 200 horas anuais. O empresario decidirá unilateralmente cando se fan segundo as necesidades da produción. Flexibilidade sobre flexibilidade. As organizacións sindicais néganse a aceptar esta proposta e piden reducir a temporalidade no sector que chega case ao 70%. A redución da temporalidade é para as centrais unha cuestión estratéxica. A suba salarial demandada é de 800 euros para o primeiro ano, que divididos entre 14 pagas son 57 euros mensuais, unha suba moderada para recuperar o poder adquisitivo perdido, e o IPC máis 1,5 puntos nos anos seguintes de vixencia do convenio. 

A organización e unidade dos traballadores, a súa capacidade de mobilización, a tradición sindical do metal configúraos como verdadeira vangarda da clase traballadora galega. Están loitando por mellorar as súas condicións laborais. A victoria da súa loita afortalaría o conxunto do movemento sindical galego fronte á patronal e ao capital, sería un avance de tod@s na loita contra a precariedade. 

Por iso todas e todos os partidarios da liberdade e da igualdade social estamos coa folga do metal.

 
< Ant.   Seg. >
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.