|
Desenvolvemento e Independencia
Xabier P. Dávila Até o século XIX a diferenza de renda per cápita entre os continentes e os territorios eran mínimas comparadas coas actuais. O economista-historiador Madison tense mergullado no incerto traballo de medir as principais variábeis económicas da economía mundial nos últimos 2000 anos. No ano 1820 o PIB por habitante de Europa Occidental pouco máis que duplicaba o de Asia. Desde entón, e coincidindo co época de explotación colonial, a renda per cápita aumentou 19 veces nos países desenvolvidos e só 5 veces no chamado terceiro mundo. No ano 1950 o PIB por habitante británico era máis de 15 veces superior ao de China e máis de 11 veces superior ao de India.
Durante séculos o Imperio do Centro foi o territorio cunha organización estatal máis avanzada e complexa. China foi o berce de invencións como o papel, a imprenta, o compás ou a pólvora. Até principios do século XIX a súa economía era a máis grande do planeta. A dominación colonial vai converter o país noutrora poderoso nun territorio empobrecido e atrasado. Diferentes tratados impostos polas potencias colonizadoras obrigaron a China a permitir a importación de produtos estranxeiros con dereitos de alfándega reducidos. A civilizada Gran Bretaña impuxo o libre comercio do opio o que provocou unha guerra na que China foi derrotada. Durante máis de 60 anos, desde 1842 a 1917, 92 portos chineses ficaron abertos ao comercio segundo as normas deseñadas polas potencias coloniais. Os dereitos de alfándega foron xestionados polas autoridades británicas que se reservaban unha parte substanciosa como compensación: o país agredido financiaba os ataques do país agresor. Xapón non foi máis benévolo, despois de conquistar e dominar China impúxolle unha reparación de guerra equivalente á terceira parte do PIB xaponés. India sufriu, como case toda Asia, como África, como América, o colonialismo europeo. Durante décadas os impostos recadados pla Gran Bretaña en India abondaron para financiair o exército que garantía a supremacía imperial británica en todo o planeta. Entre 1868 e 1930 a Gran Bretaña drenou da orde do 1% do PIB indio, o consumo da reducida elite colonial británica supuña outro 5% do PIB que se destinaba a bens de luxo importados que arruinaron a industria local. Antes do dominio británico a industria india posuía unha notábel capacidade exportadora e puido ser o xermolo dun desenvolvemento autocentrado. Practicamente desapareceu. A indepemdencia case simultánea dos dous países vai dar paso a unha nova época. En 1949 o Partido Comunista de China proclama a República Popular de China. Dous anos antes o Parlamento inglés vese obrigado a recoñecer a independencia de India. O Proceso fora dirixido polo Congreso Nacional Indio. Os atrasados asíáticos, no imaxinario occidental incapaces para a modernidade, recuperan as rendas dos eu destino. Os resultados son rápidos en escala histórica. O PIB por habitante chinés decrecera na época colonial entre 1913 e 1950 un 0,6 por cento anual. No período de 1950 a 1973, presentado polos medios de comunicación occidentais como un tempo escuro, avanzou un 2,9%, entre 1973 e 1990 un 4,8% e na década dos 90 do século pasado un 6,4% anual. Nos últimos 20 anos a economía chinesa medra a unha velocidade superior a calquera outra, con taxas de incremento do PIB próximas ao 10% anual. A economía chinesa é xa a segunda do mundo polo PIB medido en paridade do poder adquisitivo e vai superar á estadounidense en tamaño, non en renda por habitante onde a diferenza é aínda enorme, en poucas décadas. O exercicio da soberanía foi unha condiciíon imprescindíbel para acadar estes resultados. A RP China negouse a acatar as directrices dogmáticas do FMI. A política neoliberal imposta a numerosos países polo fondo incluía a libre circulación de capitais e a libre convertibilidade das moedas. Acabou provocando crises en cadea en Asia e América. Para América latina supuxo un retroceso económico de dúas décadas. A RP China negouse a que o mercado fixase o prezo da súa moeda e adoptou o que considerou conveniente para o seu desenvolvemento económico. Mentres as treboadas monetarias se sucedían, China convertíase nun baluarte de estabilidade. Tamén para India, a liberación do dominio imperial permitiu encetar o camiño do desenvolvemento. Entre 1913 e 1950 o producto por habitante reduciuse. A partir da independencia empezou a aumentar, un 1,4% anual até o ano 1973, un 2,6% desde ese ano até 1990 e un 3,7% na década dos noventa do século pasado. Nos últimos anos o incremento do PIB tense acelerado, aínda que con taxas menores cás chinesas. Entre 1980 e 2001 a porcentaxe de poboación que vive con menos de un dólar por día pasou de dous terzos ao 17% en China, e de máis da metade ao 35% en India[1]. Unha achega extraordinaria á tarefa de reducir a fame e a miseria no planeta se temos en conta que entre os dous países suman máis dun terzo da poboación mundial. A sociedade india está todavía dividida en castas. O sistema democrático é unha superestrutura que se superpón sobre unha enorme desigualdade social. Centos de millóns de persoas viven na miseria e non teñen acceso a auga potábel. Os problemas ecolóxicos son enormes. En China o cambio de modelo económico e a aceleración do crecemento producen grandes diferenzas sociais e territorias, entre o campo e a cidade, entre a costa e o interior, entre clases. A privatización de empresas estatais fai desaparecer coberturas sociais que protexían os traballadores. A erosión e a desertización, a contaminación da auga e do aire, as novas cidades que se constrúen a unha velocidade como nunca antes na historia da humanidade destruíndo terras fértiles, os grandes ríos presentes na historia da literatura e do cinema e que xa non desembocan no mar son amosas dunha grave crise ecolóxica. Nin India nin China son paraísos. Porén recuperaron coa independencia a capacidade de controlaren a propia sociedade, a propia economía. Este control permitíulles comezar o camiño do desenvolvemento e están, xa que logo, a saíren da miseria. Antes que despois os campesiños e os traballadores esixirán verdadeira democracia política, a distribución da riqueza, a organización de sistemas de servizos sociais universais e quizáis socialismo. Ese día terán que impor a súa vontade sobre as súas clases dominantes, non sobre ningunha potencia estranxeira. [1] La situación del mundo 2006, The Worldwatch Institute, Icaria Editorial. |