|
Galiza... What is it?
Ângelo Gonçalves No pasado 2 de xuño, o xornal virtual británico Times Online publicaba un artigo, titulado Os chamados de liberdade fan o quebracabezas da Europa máis complicado que nunca, no que se abordaba a recente independencia de Montenegro e a posibilidade de outras nacións e mesmo rexións sen Estado viren a reivindicar a través de referéndum nos próximos tempos o seu propio dereito a dotárense de Estado.
O artigo viña acompañado deste mapa , no que se sinalan aqueles territorios susceptíbeis de dotárense de Estado, eventualmente, daquí ao 2020. Certamente o mapa semella bastante exhaustivo, a non ser por un detalle do que probabelmente quen está a ler o presente artigo xa tomou consciencia: como non se refere a Galiza se no Estado español si se sinalan os vascos, os cataláns e... até os andaluces!! É que os andaluces teñen manifestado en maior medida ou con maior intensidade que se senten pobo? Non. Simplemente son visíbeis. Parece lóxico pensar, despois de observar o mapa e de coñecer o serio e reputado medio de comunicación no que aparece, que a responsabilidade principal desta omisión non se debe atribuír á persoa ou persoas que construíron o mapa, nin a aquelas que o houberon de supervisar antes de daren o permiso definitivo para a súa publicación. A responsabilidade principal de que internacionalmente a Galiza, como pobo singular e mesmo con reivindicacións rexionalistas e até nacionalistas, sexa descoñecido é esencialmente nosa, das persoas (físicas e xurídicas) galegas. Mais estas amostras de descoñecemento do noso carácter diferenciado dentro do Estado español non se encontran apenas fóra do Estado español. Dentro mesmo tamén existen! E isto que consecuencias ten? Do punto de vista político isto probabelmente contribuirá a que pesemos moi pouco no plano internacional e, moi especialmente, na UE. Tamén no Estado español; e para comprobalo non temos máis que ouvir os debates do estado da nación española, onde a Galiza apenas aparece cando o do Prestige e cando lle toca intervir ao BNG. Do punto de vista cultural, esta falta de visibilidade dificulta enormemente a venda dos nosos produtos; e mesmo se encontran persoas que veñen aquí pensando que poderán consumir produtos culturais andaluces (flamenco, touradas, traxes rexionais andaluces...), porque ese pobo si é visíbel. Do punto de vista económico, isto implica que non podemos aproveitar plenamente as potencialidades dalgunhas das nosas singularidades, como a lingua galega, extraordinariamente útil para negociarmos coa Lusofonía. E aínda se poderían referir moitos exemplos. Non estaremos na altura de potenciar a imaxe internacional da Galiza, de facérmonos ver como galegas e galegos? Temos un pouso cultural celta cun potencial internacional extraordinario quizá mesmo superior ao escocés ou irlandés, nos vestixios arqueolóxicos, na música, nas tradicións, na lingua; temos unha lingua que nos abre a porta á comunicación fácil con 222 millóns de persoas no mundo, espalladas por catro continentes; contamos cunha riqueza paisaxística e ambiental formidábel... Coloquemos a Galiza no mapa polo ben de todas e todos.
|