|
Propostas
Moncho Fernández Leal A Alternativa Bolivariana para os pobos da nosa América (ALBA) é un acordo para dar resposta á Área de Libre Comercio das Américas (ALCA) promovido por EE.UU. en toda a rexión.
Nesta sopa de letras, hai que identificar ben as talladas. No texto do ALBA, asinado por Bolivia, Venezuela e Cuba, falan de rematar, en coordinación con outros países de Latinoamérica, co analfabetismo, aplicando o exitoso método posto en práctica en Venezuela. En Bolivia, co apoio cubano estase a alfabetizar en catro idiomas: español, quechua, aymara e guaraní. Recoñécense as especiais necesidades de Bolivia coma resultado da explotación e o saqueo dos seus recursos naturais durante séculos de dominio colonial. Garanten a operación oftalmolóxica gratuita a todas as persoas de Bolivia que carezan de recursos económicos. Cuba aportará equipamentos e especialistas, apoiados nos novos médicos andinos formados na Escola Latinoamericana de Ciencias Médicas da Habana. Cuba ratifica a oferta de 5 mil becas para a formación de médicos. Venezuela outras 5 mil para diferentes estudos. Cuba manterá tamén os 600 especialistas médicos que están en Bolivia dende o desastre natural de xaneiro e doa os 20 hospitais de campaña coa súa dotación que foron enviados nese momento. Son alternativas feitas polos países que loitan contra o neoliberalismo, presididas polo anceio dunha América dona de si mesma. Nestes días de manipulacións sobre a figura de Evo Morales e do anual numeriño con Fidel Castro da revista para ricos do multimillonario Forbes, recibimos a nova de que Roberto Hernández Alum, que coa súa compañeira Graciela Arbajal Blanco levou a representación da Flota Cubana de Pesca en Vigo, finou na Habana. Moito ten contribuido ao longo da súa vida para que exista no futuro a América dos pobos cunha Cuba socialista. Non o esqueceremos. |