topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3665420

Alternativas visuais

js_element_orange
UNHA LECTURA IMPRESCINDÍBEL PDF Imprimir Correo-e
Luns, 24 de Xullo do 2006

ImageUnha lectura imprescindíbel

Xabier P. Dávila 

O día 10 de xullo un dos economistas que colaboran habitualmente no xornal madrileño “ El País” publicou un artigo titulado ¿España va bien?. Despois de analizar algúns dos problemas da economía española, como o déficit por conta corrente do 7,5% do PIB ou a perda de competitividade, pasaba a estudar as súas causas. O diagnóstico é case previsíbel: rixidez do mercado laboral, excesiva protección dos contratos indefinidos, escalada salarial, aumento dos salarios por riba da produtividade...

O artigo é unha peza máis do bombardeo incansábel que desde os medios de persuasión de masas, case na súa totalidade partidarios das receitas neoliberais, e desde os organismos rectores da economía (Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo, Banco de España...) propón políticas económicas favorábeis aos intereses do capital e as clases posuidoras.

As xentes partidarias da igualdade social e económica agradecemos, xa que logo, a publicación de obras que con rigor e paixón defenden políticas económicas e sociais favorábeis aos intereses das clases traballadoras.

Propóñovos para este verán unha lectura imprescindíbel, El subdesarrollo social de España (1 ). O curriculum do autor é mais que notábel, exiliado por razóns políticas traballou en prestixiosas universidades de Suecia, Gran Bretaña e EEUU. Asesorou, "tiven o privilexio de asesorar", a Salvador Allende en Chile e a Hillary Clinton no seu intento, fracasado, de crear un sistema sanitario de cobertura universal nos EEUU. Ten publicados máis de 30 libros e numerosísimos estudos algún dos cales xa citei nun artigo anterior (2 ).

O obxectivo central da obra é analizar as causas polas que o estado do benestar, é dicir, a estrutura de sistemas de protección social está tan pouco desenvolvido no Estado español en comparanza con outros estados europeos. Para isto utiliza unha dobre perspectiva: de clase e de xénero. Citando literalmente " O 30-35% da poboación de renda maior... ten un enorme poder económico, social, mediático e político, moito meirande que o que teñen as clases populares" ou " ...do escaso poder que teñen as mulleres no noso país".

O libro estrutúrase en catro partes: Situación social en España, Causas históricas do subdesenvolvemento social, Situación social a nivel mundial, Posíbeis alternativas.

Na primeira parte estuda o gasto social ( sanidade, educación, pensións, axudas ás familias...) no Estado español comparándoo co gasto social nos países da UE-15. Atoparedes información contrastada e que rara vez aparece nos medios de persuasión de masas. Por exemplo que os burgueses viven dez anos máis que os traballadores que permaneceron longos períodos da súa vida en paro ou que o número de caries e dentes ausentes entre os nenos de familias traballadoras non cualificadas é sete veces maior que entre os nenos de familias burguesas. Case a metade dos traballadores realiza traballos repetitivos, pouco gratificantes e sobre os que non teñen control ningún. O gran reto do mercado no traballo é, para Navarro, cambiar a natureza do traballo para facelo máis pracenteiro e menos monótono.

A segunda parte expón as causas do atraso social do Estado español. Comeza describindo o intento modernizador que supuxo a Segunda República e a reacción violenta das clases dominantes que levou ao golpe de estado, á guerra e á ditadura. O autor detense en lembrar o seu carácter fascista e a alianza entre clases dominantes, igrexa, exército e Falanxe que a sustentou. Despois explica con cifras o enorme atraso social e económico que provocou o franquismo.

A terceira parte critica o neoliberalismo e as súas receitas de apertura dos mercados dos países subdesenvolvidos á libre competencia. Esta política que se aplicou en África e América Latina produciu unha desfeita económica, social e humana e un grande aumento da pobreza. Pola contra países que conservaron a protección das súas nacentes industrias e do tipo de troco das súas moedas, desoíndo as recomendacións do FMI, como India e China conseguiron importantísimos avances económicos.

A última parte do libro céntrase na exposición de alternativas. O autor defínese a si mesmo como socialdemócrata. As súas análises, baseadas como dixemos nos conceptos de clase social e diferenza de xénero, e as súas propostas ( aumento dos impostos e o gasto social, aumento dos salarios) sitúanse claramente á esquerda do goberno Zapatero.

ViÇenc Navarro escrebe cun estilo claro e comprensíbel. O libro lese con interese crecente segundo vai avanzando. Leo, cando remates saberás moitas cousas que non coñecías e entenderás mellor a sociedade na que vives.



(1) ViÇenc Navarro, El subdesarrollo social de España, causas y consecuencias, Anagrama, Colección Argumentos.

(2) La convergencia social en España y su desconvergencia con la Unión Europea, ViÇenc Navarro e Agueda Quiroga.

 

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.