|
A diversidade cultural e a felicidade: alegoría breve
Ângelo Gonçalves Vicente Nunha casa moran tres persoas: a Rosalía, a Pilar e o Francisco. Cada unha destas persoas ten unha cultura diferente, coa súa lingua, os seus costumes, as súas crenzas relixiosas... e cada unha tamén ten diferentes maneiras de sentirse feliz.
A Rosalía ama a súa cultura. É feliz escribindo. Escribe moito na súa lingua propia e tamén na lingua propia da cultura do Francisco, porque sempre gustou da súa sonoridade e decidiu estudala. Ela é moi feliz escribindo nas dúas linguas. A Pilar ama a súa cultura. É feliz danzando; lévao facendo desde nova e sabe que é boa facéndoo. Isto faina sentirse especialmente ligada a todas as formas de danza que coñece, incluídas as propias da cultura da Rosalía e do Francisco. Ela ama as danzas tradicionais da súa cultura, pero tamén gusta, ás veces, de mudalas polas formas tradicionais das culturas da Rosalía ou do Francisco. O Francisco ama a súa cultura e, alén diso, pensa que a súa cultura é, dalgún modo, superior ás demais; sequera un pouco. É a mellor das culturas, non ten dúbida. Aqueles elementos que fican fóra da súa cultura non os comprende e moitos até nin os coñece. Intimamente, esa non comprensión e descoñecemento das outras culturas lévano a sentirse un pouco incómodo. Esta incomodidade faino infeliz e ve, como solución viábel, elaborar un plano que leva á Rosalía e á Pilar a esqueceren as súas culturas orixinarias e abrazaren a del. Conségueo e séntese feliz con iso. Décadas despois de ter morto a Rosalía e poucos anos despois de teren finado a Pilar e o Francisco na casa moran tres persoas: o Xosé, o Miguel e a Margarida. Son netos do Francisco e da Pilar e todos pertencen á cultura do Francisco... as outras desapareceron. A Margarida é feliz con cada un dos elementos da súa propia cultura. Gusta das formas de vestir, das danzas, dos estilos de música que coñece, da pintura, da gastronomía... É inmensamente feliz. O Xosé e o Miguel non son infelices... mais tamén senten que algo lles falta... Senten que o mundo que os rodea é un pouco mediocre, pobre. Algo falta. Sen teren consciencia, isto fai que se depriman con algunha frecuencia. Os pobos son responsábeis das súas culturas singulares e da contribución á diversidade universal que estas implican. Cando existe diversidade podemos escoller. Cando podemos escoller somos libres. Cando somos libres podemos realizármonos completamente como persoas e sentírmonos máis felices. |