|
Palabras
Moncho Fernández Leal O réxime político no que desenvolvemos a nosa vida tenta anular toda posibilidade de mudar situacións. Esta sociedade promociona o papel pasivo, consumidor de espectáculos artísticos, deportivos e políticos. Non facilita a creación, non fomenta a participación. Tense discutido moito do modelo de democracia representativa. Pero a democracia participativa, a que permite opinar e tamén decidir acotío, non aparece por ningures.
O modelo económico imperante no planeta non obedece a máis lóxica ca do vencedor. O mundo está dirixido de xeito real polas empresas multinacionais. Por non existir non existe nin tan siquera o que chaman o libre comercio. Este concepto é aplicado ás economías dependentes. Non se aplica nos núcleos de poder económico. É de fronteiras para fóra, non se permite dentro. A globalización ou mundialización neoliberal non fai aos pobos máis comunicados, senón que abre a fenda, que xa é falla, entre uns países e outros. Os pobos non están máis unidos por teren os mesmos ministros. Intereses comerciais, e por tanto ideolóxicos, fan que o sistema admita e promocione alternativas de goberno que non atentan contra a orde establecida. Michelle Bachellet válelles porque non cuestiona o modo de producción, a pesares de que o seu partido leve un apelido que evoca outro mundo, socialista. De Chávez, o presidente de América que máis eleccións gañou, resaltase o seu levantamento militar, pero non se di que foi contra un goberno corrupto que matou a centos de persoas. Chávez si cuestiona o estado das cousas. Non agocha que esta globalización é o vello imperialismo, bronceado, con peiteado novo, sorriso perenne, que precisa para existir de países colonizados e dependentes. |