|
O mar da Guarda acolle as cinsas de Luís Noya Os amigos pediron que o mar da Guarda fose leve para Luís Noya cando o despediron no remate de agosto nun acto tan laico e discreto como imaxinara o militante comunista nas suas horas finais.
A vida de Luís Noya, morto aos 75, representa a resistencia contra o sistema de ideas conservadoras que estragan o país e contra os púlpitos que as defenden e xustifican. O pai Xoán Noya perseguido a morte polos fascistas nos montes de Torroña, do 36 ao 39, era para a reacción e o caciquismo un odiado tenente de alcalde republicano pero, sobre todo, era culpábel de fundar un xornal que promovia a liberdade e a emancipación polas ideas, o Heraldo Guardés. O país ten sen escribir a historia dos perseguidos a morte por usar unha minerva no teito da última Lei de Prensa da Restauración e por sementar en letra de imprenta ventos de democracia, ilustración e liberdades nacionais no tempo da República. Para os Noya ese compromiso ilustrado en defensa da República, da cultura do país e contra o abuso e a mentira foi pagado co exilio. Luis mantivo a Imprenta Numen familiar coma un lugar de referencia e abrigo para tempos imposíbeis no que o ruído da rotoplana e as alzadoras disimulaba as conversas prohibidas. O paso do mar deica a parta da familia exiliada en Venezuela é para el a conexión vital coa política de esquerda en liberdade e desas visitas volve ao grupo de profesionais no que está integrado dentro do Partido Comunista coa recomendación de comprender ao nacionalismo como parte básica da resistencia anti-fascista. Luís Noya vive abordo do Santa María, en singladura de Vigo a Guaira, o secuestro que levaba a noticia desta resistencia aos noticiarios de todo o mundo. El foi tamén o interlocutor do Partido Comunista co incipiente nacionalismo de esquerdas, nos primeiros sesenta. En anos do fundamentalismo castelanista que abraza con firme ademán o ridículo da tradución dos nomes da terra, Noya invitaba co exemplo diario, na casa, no traballo e na relación de partido, a visitar a mina de ouro da lingua da sua tribo guardesa. A medida da firmeza das suas conviccións estaba nas maneiras suaves e firmes, na contención cortés e sensíbel, na paciencia e na bondade nacidas do epicureísmo comunista e fraternal e tan lonxe dos muros da igrexa como se pode imaxinar nun ateo consecuente até nas últimas indicacións exemplares e precisas da sua vontade para despois da morte. Proba do material solidario e paciente de que estaba construído Noya é que non hai noticia de que os proxectos de edición máis delirantes, multiplicados coma morcegos en tempos de censura e escuridade, non fosen sopesados e razoados por el con máis calma, atención e respecto dos que en termos de racionalidade parecían merecer. Iniciativa sua foi a construcción dun monumento no cemiterio guardés aos mozos (algún case rapaces) antifascistas fusilados no 36, a maioría deles chegados das minas de Asturias, como recorda o xornalista José Antonio Cabezas que compartiu con eles cadea no colexio dos xesuítas de Camposancos.(Non está de máis citar que os próprios membros da orde de Ignacio de Loyola nunca máis quixeron lembrar esta e outras activas colaboracións cos fascistas e que nin sequera se sumaron á iniciativa do monumento). Artigo de Gustavo Luca publicado no semanario A Nosa Terra nº 1.234 |