|
Vigo: a hora do benestar
Xabier Pérez Igrexas Coa aprobación definitiva do PXOM por parte da Xunta de Galiza, que a día de hoxe é tan só unha cuestión de tempo, Vigo terá xa unha verdadeira folla de ruta para o seu crecemento, ordeado e marcadamente sustentabel, e para o seu desenvolvemento, destacadamente industrial.
O PXOM, con todos os matices precisos, será un instrumento relevante para a superación do défice infraestructural e dotacional que arrastra a cidade (grazas á calificación do solo que o documento inclue e que libera espazos suficientes para dar resposta as necesidades presentes e futuras). Temos xa encetado o desenvolvemento da principal cidade de Galiza. Está debidamente encarrilado o crecemento da urbe, que aspira con decisión a converterse nunha verdadeira metrópole atlántica e a exercer de capital do noroeste peninsular. Xa temos os instrumentos fundamentais (ao marxe de trámites e formalidades, e tendo en conta que temos cousas pendentes) e fica clara a intención social maioritaria, só resta poñelos en práctica. ¿Entón porque continuar enleados en debates reiterativos sobre cuestións xa superadas? ¿porque facer do modelo de cidade un bucle dialéctico constante? É cuestión de economía de tempos e de intelixencia política, pero tamén social. O tempo que Vigo leva perdido en debates alongados, por acción da falta de liderado e por un desenfoque insultante, arredor da súa propia definición de futuro, é o mesmo que outras cidades aproveitaron para poñer en práctica as conclusións ás que nós chegamos con retraso, para variar. Negar a relevancia de fixar un proxecto de futuro para unha cidade no tocante aos aspectos antes referidos, sería unha imperdoábel insensatez, pero reducir a iso a política que a cidade necesita delata un reduccionismo de miras que non está á altura desa grande cidade que aspiramos a construir. É a hora das persoas. A cidade é algo máis que unha macrounidade territorial ou un xigantesco espazo económico, é tamén, e fundamentalmente, un espazo de convivencia e de desenvolvemento e crecemento humano. En consecuencia é xa algo incomprensíbel a pouca atención que se lle presta na cidade a políticas que globalmente poderíamos definir de benestar. Certo é que esta situación non é de extrañar cun governo municipal do Partido Popular incapaz na xestión e pobre no político. Na cidade con máis estudantes de Galiza non é aceptábel que siga sen haber salas de estudio suficientes, e que as/os universitarias/os continuen agolpandose ás portas de bibliotecas insuficientes con horarios reducidos, algunhas propiedade de entidades financieiras. Na cidade con máis habitantes de Galiza non é aceptábel o défice na cobertura social para as/os nosas maiores. Toca falar do que a xente necesita; de garderías infantís, de novos centros de saúde, de instalacións deportivas, de exención de taxas para as rendas menos favorecidas, dunha política de inclusión social, de vivendas de promoción pública e do apoio ao cooperativismo fronte á especulación, dun plano municipal de emprego que supere a súa dimensión testemuñal, do apoio á nova creación artística e ao acervo cultural do país, de máis centros de día para as/os nosas/os maiores... Pero sobor de todo, toca comezar a pensar, con vistas a maio do ano próximo, en quen posúe as ideas, pero destacadamente a capacidade e a vontade de facelas efectivas. É a hora do benestar. * Xabier Pérez Igrexas, é ex-secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes e foi membro da Dirección Nacional de Galiza Nova. Actualmente participa do movemento veciñal de Vigo e colabora como articulista en diversos medios de comunicación. |