|
Todo un milagre
Moncho Fernández Leal A Organización Mundial da Saúde (OMS) cifra entre 40 e 45 millóns as persoas cegas no mundo, e en 136 millóns as que padecen deficiencias visuais. Delas o 90 % están nos países subdesenvolvidos ou expoliados. Afrontar calquera enfermidade no terreo onde o neoliberalismo foi aplicado, e por tanto os servizos médicos privatizados, é algo que semella imposíbel.
Un dos exemplos de colaboración entre países e que serve tamén de paradigma do descoñecemento que se ten por esta beira do que acontece pola outra é o que chaman "Misión Milagre". A denominación ten a dose oportuna da retranca do país que temos sazonada por América toda. Cuba encetou este programa de cooperación, que xa se desenvolve en 24 países de Latinoamérica e o Caribe e facilita o tratamento a quen nunca podería pagalo no seu país. Nun ano e medio operáronse 210 mil persoas de xeito gratuito. Boa parte delas recuperaron a visión perdida. Todo un milagre. Cuba xa ten amosado o seu internacionalismo, que enchoupa a illa, en moitas ocasións. Máis de cen mil profesionais da saúde salvaron vidas en 97 países de África, Asia e América. Están hoxe ata en Pakistán, dous mil, en condicións nada fáciles. Claro que todo isto supón un atentado contra a civilización, esa que permite que a medicina sexa un negocio. Os gobernos que se preocupan de universalizar a saúde e o ensino son chamados agora populistas. Menos mal que o insigne pensador e profesor José María Aznar postúlase coma guía para loitar contra todo isto. En definitiva, o expresidente español vai defender a postura dos tres mil médicos cubanos que no 59, ao trunfo da Revolución, marcharon a EE.UU. a montar consulta privada e contra o que representan os tres mil que decidiron quedarse a crear un sistema sanitario que o mundo recoñece coma vangarda. Toda unha declaración de intencións. |