topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3665396

Alternativas visuais

js_element_orange
O crecemento económico no estado español implica notábeis custos ambientais e sociais (II) PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 22 de Outubro do 2006

Xabier P. DávilaO PIB medra un 16,8%. Millón e medio de persoas viven na pobreza severa

A semana pasada InfoRosal publicou a primeira parte deste comentario sobre o informe "Sostenibilidad en España 2006" centrándose nos aspectos relacionados co impacto ambiental do sistema económico. Nesta segunda parte analizaremos os indicadores relacionados cos aspectos económicos e sociais.

Medra o Produto Interior Bruto (PIB) e tamén o PIB per cápita. Entre os anos 2000 e 2005 o PIB aumentou un 16,8%. O PIB per cápìta achégase progresivamente ao da Unión Europea. En 1996 o PIB per cápita do Estado Español representaba o 87% do correspondente á UE-25, en 2005 era xa do 98,1%. A distancia reduciuse en 9 anos desde 13 puntos porcentuais a só 1,9 puntos. É previsíbel que nalgún intre do ano 2007 se produza a converxencia en renda per cápita coa UE-25. A distancia diminúe tamén respecto á UE-15, os países integrados na UE antes da última ampliación, os máis ricos. Se en 1996 era duns 23 puntos porcentuais, no 2005 reduciuse a 10 puntos.

Inda que o informe non desagrega os datos por comunidades autónomas, indica que aumenta o peso económico de catro autonomías, Cataluña, Madrid, Andalucía e País Valencián. Segue a darse o proceso de concentración espacial da poboación e a actividade económica que reflicten todos os estudos. O principal imán de atracción é o arco mediterráneo máis a anomalía madrileña, só explicábel polos dividendos da capitalidade e a concentración do investimento público. Mesmo infraestruturas non madrileñas acaban por beneficiar esa comunidade por mor da concepción radial da rede de comunicacións.

Medran todos os sectores económicos agás o primario, cunha diminución do seu valor engadido bruto do 2,7%. Encabeza o crecemento a construción que entre 2000 e 2005 aumentou un 34,3%. O altísimo peso deste sector é unha das principais eivas do modelo por 4 razóns: implica un enorme consumo de territorio e recursos naturais, contribúe á baixa produtividade, desvía capital doutros sectores máis innovadores e contribúe á precarización do traballo. Por outra parte as informacións aparecidas nas últimas semanas confirman o que era unha sospeita xeralizada: o predominio da construción é un factor de corrupción do sistema político.

Segundo o informe a inmigración "é o fenómeno social máis relevante da última década". A chegada de inmigrantes supuxo a inversión da tendencia demográfica que pasou de descendente a ascendente". Desde 1998 a poboación aumentou un 3,8%. O número de inmigrantes multiplicouse por 5 entre 1998 e 2005. Ao final dese ano eran 3,8 millóns, o 8,7% da poboación.

As persoas inmigrantes pulan o crecemento económico e contribúen ao financiamento da Seguridade Social en troco dun modelo de baixa produtividade e alto consumo de espazo e recursos. Aínda que o informe non o diga claramente a oferta de man de obra barata presiona á baixa os salarios e favorece a proliferación de empregos lixo, segundo se recolle nun artigo publicado en El País o 15 de outubro e baseado en datos do Banco de España.

A aceleración da inmigración " ten unha forte correlación coa economía mergullada e o emprego irregular". O informe estima a economía mergullada nun 22% do PIB. O emprego irregular pode afectar a entre un 30% e un 40% da poboación ocupada.

A taxa de emprego increméntase desde o 40% no ano 1987 ao 52% no 2005. A taxa de emprego feminino é unha das máis baixas de Europa. As comunidade autónomas máis ricas presentan taxas de emprego que superan o 55% (Cataluña, Madrid, Baleares). Galiza sitúase entre as que non chegan ao 50%.

A taxa de temporalidade segue a ser o peor indicador da calidade do emprego. a finais do exercicio 2005 seguía no 33,3% moi por riba da media da UE-15, do 14%. Galiza superaba a taxa estatal cun 34,9% de empregos temporais.

A temporalidade está estreitamente relacionada coa pobreza, en palabras do informe "...impide que o traballo cumpra unha das súas principais funcións como axente de cohesión social: servir de vehículo para evitar a pobreza. A taxa de poboación ocupada en risco de pobreza en España segue a ser unha das máis elevadas da UE-15 e a tendencia é a alza." A probabilidade d@s ocupad@s caeren na pobreza depende do territorio no que vivan. A máis alta correspóndelle a Extremadura, un 23%. Na nosa nación sería dun 13%. A máis baixa é a de Madrid cun 5%.

O informe é moi crítico coa evolución dos indicadores de cohesión social: "seguen estancados, sen que se aprecie un proceso de converxencia coa UE no risco de pobreza". Os indicadores de desigualdade melloran lixeiramente, porén o fan moi a modo. O risco de pobreza afecta ao 20% da poboación, a pobreza severa a máis de 1,5 millóns de persoas e a pobreza relativa a oito millóns.
 
O gasto sanitario é inferior aos países do contorno europeo e entre 1995 e 2005 diminuíu o gasto público en educación, mentres tende a medrar o gasto privado o que "supón riscos de escisión do sistema educativo dependendo dos niveis de renda dos alumnos".

En resumo a economía monetaria do Estado Español é cada ano máis grande. Porén este crecemento faise consumindo recursos non renovábeis e repártese desigualmente entre as clases sociais e os territorios sen que o gasto público abonde para corrixir a desigualdade.

 

 

 

 

 

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.