|
Internacionalizar a cultura galega (I): a cultura no propio país
Angelo GonçalvesUltimamente está a ouvirse falar na necesidade de proxectarmos a cultura galega no mundo; e non era sen tempo pois, na verdade, daí poderían derivarse proveitos materiais e inmateriais do máximo interese para o noso país.
Mais eu quería, neste artigo, chamar a atención para un imprescindíbel paso paralelo, se non previo, que, de non ser dado, podería levar a un sonoro fracaso de calquera tipo de esforzo encamiñado a colocar a nosa cultura nunha posición de visibilidade no plano internacional. E, infelizmente, nisto non se está a falar, o que me leva a intuír unha eventual inconsciencia que podería vir a revelarse grave. Ese paso previo, necesario para asegurarmos unha exitosa proxección exterior da cultura galega, consiste na garantía da súa valorización adecuada no ámbito interno. Quere dicir, será difícil conseguirmos unha boa demanda externa dos nosos produtos culturais, se non somos capaces de facer ver que no propio país do que proceden son apreciadas. Pensemos nun veciño dunha aldea galega que se chama André e que ten un boi que quere vender. Imaxinemos que non o trata ben na casa: non lle dá de comer ben e teno completamente suxo. A isto acrecentemos que cando debería botar man del, por exemplo para labrar algunha veiga, pide emprestado o boi do Manuel. Quen vai querer comprarlle o boi? E, en caso de haber alguén que o queira comprar, alguén pensa que será por un bo prezo? Parece lóxico pensar, a partir do tratamento que o André dispensa ao seu boi, que o tal boi é considerado inútil polo seu propio dono, de maneira que poucos veciños estarán dispostos a compralo e quen o estean será por un prezo ben baixo. Pois o André é o pobo galego, que non trata ben a súa cultura, ou boi, e mesmo chega a suplantala por outra (normalmente a castelá) cando podería, e en ocasións até debería, usar a súa propia. Isto acontece, por exemplo: cando facemos predominar de maneira extraordinaria a contratación de formacións musicais e artistas estranxeiros ou produtores de cultura estranxeira nos cartaces de actuacións das festas do verán; ou cando contratamos a un arquitecto estadounidense para a construción dunha das obras potencialmente máis emblemáticas da nosa identidade, a Cidade da Cultura; ou cando utilizamos o castelán en contextos nos que poderíamos empregar perfectamente o noso idioma. Con estes e outros moitos comportamentos diarios, individuais e colectivos, da sociedade civil e das institucións, estamos dando a ver ao mundo que a nosa cultura, para nós, vale pouco. Nestas circunstancias a proxección internacional da cultura galega non só será máis difícil, senón que tamén obterá peores resultados. Sería bo, pois, que fósemos asumindo por fin que temos unha cultura tan boa como calquera outra, que é a nosa e que, por selo, merece todo o noso respecto e cariño. E que ese respecto e cariño non deben ficar nas palabras. |