topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3454515

Alternativas visuais

js_element_orange
Internacionalizar a cultura galega (II): para que? PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 03 de Decembro do 2006

angelo gonzalvesInternacionalizar a cultura galega (II): para que?

Nos últimos tempos comeza a ouvirse falar na necesidade de exportarmos a cultura galega, de facermos visíbeis as nosas singularidades no plano externo, chegándose mesmo a suxerir que aos poderes públicos galegos debería corresponder un papel importante neste labor. Podería pensarse que se trata dunha reivindicación proveniente dalgunha selecta elite de persoas que producen ou consumen cultura galega, desexosas de que sexan investidos fondos públicos que satisfagan os seus sofisticados e postmaterialistas intereses particulares. No entanto, o certo é que a proxección internacional da cultura galega, de ser ben feita, debería traducirse en proveitos prácticos de primeira orde para o noso país e todas as súas xentes, sen excepción. A clarificar e razoar, burdamente, algúns destes beneficios dedicaremos os próximos parágrafos.

En primeiro lugar, a proxección exterior da cultura galega debería aumentar o nivel de vendas da produción cultural galega, pois implicaría:
  1. Dar a coñecer o produto cultural galego, incluíndoo entre as opcións de compra do público internacional. Téñase en conta que non se pode comprar aquilo que non se sabe que existe.

  2. Facilitar o acceso á produción cultural galega a través de internet, de feiras internacionais, de eventuais delegacións culturais...

  3. Prestixiar e valorizar a produción cultural galega. Algo que xa non só influiría postitivamente na cantidade de produción vendida, senón tamén nos prezos a que podería ser alleada.

Deste modo estarían aumentando os ingresos económicos na Galiza e, ao tempo, tamén se xeraría emprego: nuns casos por necesidade de aumentar a produción para facer fronte á maior demanda; noutros casos porque persoas que até a altura debían desenvolver traballos paralelos para subsistiren (algo habitual no tecido produtivo cultural galego), poderían agora dedicarse en exclusiva a producir cultura na medida en que o aumento da demanda significase un crecemento suficiente de ingresos, de modo que deixarían eses postos de traballo paralelos libres para outras persoas.

En segundo lugar, a internacionalización da cultura galega tamén axudaría á convivencia harmónica entre as persoas que habitan no noso país. E isto de dous modos diferentes. Dun lado, o aumento de transaccións económicas e riqueza a que daría lugar o crecemento das vendas de produtos culturais galegos debería envolver, en parte, un aumento da recadación dos poderes públicos galegos, o que lles atribuiría unha maior capacidade para obraren unha redistribución mitigadora das diferenzas socioeconómicas existentes entre as xentes galegas. Doutro lado, a maior visibilidade externa da nosa cultura faría que máis probabelmente as persoas que se achegasen ao noso país, e especialmente as inmigrantes, tivesen un maior coñecemento previo das nosas singularidades e, até, un maior interese nelas e no aprofundamento do seu coñecemento. Lévese en conta, por exemplo, e isto coñézoo de moi primeira man, están a chegar estudantes universitarios Erasmus pensando que poderán, na Galiza, asistir con asiduidade a touradas e espectáculos de música flamenca!

Finalmente, a exportación de cultura galega debería garantir a sobrevivencia da mesma. Algo importante na medida en que consideremos que a maior riqueza cultural universal aumenta as posibilidades de os seres humanos seren felices, e na medida en que consideremos que cada pobo ten a obriga moral de velar pola sobrevivencia da súa cultura singular e, por tanto, do seu contributo específico á tal riqueza cultural e posibilidades de felicidade dos seres humanos que compartillamos o planeta.

Así pois, a proxección exterior da cultura galega, de ser ben feita, debería supor beneficios para todas e todos, de modo máis ou menos directo, polo que a todas as persoas da Galiza debería preocupar e interesar.

A explicar como debe ser feita esa proxección exterior dedicaremos a terceira parte deste artigo.

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.