|
A nova via Tui-A Guarda terá trazado de corredor e incorporará a construción da variante da Guarda - As localidades de Tui e A Guarda estarán unidas por un corredor que se converterá en autovía cando a intensidade de tráfico así o requira
- A nova vía será de altas prestacións en todo o seu percorrido A
- CPTOPT estudará un novo trazado para o treito que transcorre polo concello de Tomiño até o enlace de Goián co fin de minimizar o impacto paisaxístico e medioambiental
O proxecto de nova infraestrutura viaria do Baixo Miño terá características de corredor en todo o seu trazado, o que permitirá converter esta vía en autovía no momento en que a intensidade do tráfico que rexistre así o esixa. Ademais incluirá a construción da Variante da Guarda, o que permitirá evitar a saturación circulatoria no casco urbano guardés.
A conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, presentou onte na Guarda as características desta nova estrada que unirá as localidades de Tui e A Guarda. Segundo explicou a conselleira, o proxecto presentado incorpora unha serie de melloras con respecto ás actuacións previstas para este trazado polo anterior Goberno da Xunta. Esta nova planificación suporá un incremento en torno ao 40% sobre o investimento inicial, polo que o orzamento estimado sitúase nos 120 millóns de euros. As melloras ás que aludiu a conselleira terán en conta os asentamentos urbanos existentes e as súas conexións con outros núcleos, a topografía dos terreos e o respecto medioambiental. Unha das novidades é que a nova vía de comunicación do Baixo Miño non será unha vía rápida (cunha soa calzada e un carril por sentido de circulación tal como contemplaba o trazado aprobado polo anterior Executivo do PP), senón que se configurará coma un corredor en todo o seu percorrido, o que implica garantir non só a súa construción inicial senón tamén o seu desdobramento. Deste xeito, no novo proxecto quedarán deseñados como definitivos os enlaces, as estruturas de paso superior e algunhas de paso inferior, os desmontes e algúns terrapléns e falsos túneles que se manterán cando se acometa o desdobramento. Así mesmo, o proxecto presentado onte pola conselleira de Política Territorial inclúe a construción da Variante da Guarda, que tampouco estaba contemplada no anterior proxecto. Dende a CPTOPT, considérase fundamental acometer esta Variante, que permitirá retirar da travesía urbana o tráfico de longo percorrido. O proxecto previsto anteriormente desembocaba na rúa San Roque, polo que, dado a intensidade de tráfico prevista nesta estrada, suporía no futuro a conxestión do propio núcleo guardés. A Variante da Guarda e de acceso á Costa Atlántica retirará do casco urbano o tráfico de longo percorrido, o que redundará nunha mellora da calidade urbana deste concello. Doutra banda, a Consellería de Política Territorial tamén ten previsto redefinir un trazado máis axeitado para o treito que discorre polo termo municipal de Tomiño. No estudo inicial que foi sometido a información pública, este treito quedaba configurado de tal xeito que producía un efecto barreira entre o río Miño e a localidade de Tomiño. A este respecto, a Consellería deixará sen efecto o trazado inicial do treito comprendido entre o enlace da estrada PO-350 e o enlace de Goián (Ponte Internacional), co fin de redactar un novo estudo informativo que determine alternativas máis viables que eviten a barreira artificial que se crea entre Tomiño e o río Miño e que entorpece os asentamentos urbanísticos deste concello. Unha vez concretada a nova configuración desta vía de alta capacidade, nos próximos meses Política Territorial someterá a información pública o proxecto de corredor nos treitos da Guarda ata o enlace con Goián e o que vai do enlace coa PO-350 ata o enlace coa A-55 en Tui. Paralelamente redactaranse os proxectos de trazado e construción tendo en conta o deseño de corredor. Así mesmo iniciarase a redacción dun novo estudo informativo para o treito do enlace coa PO-350 ata o enlace de Goián, co obxecto de buscar unha solución de trazado máis satisfactoria dende o punto de vista medioambiental. Finalmente tamén se contratará a redacción dun estudo informativo que estableza distintas alternativas para a vía de circunvalación da Guarda, que terá aproximadamente 3 quilómetros de lonxitude. A futura vía de nova construción Tui-A Guarda mellorará a mobilidade e seguridade viaria do Baixo Miño, facilitando as conexións dos concellos da Guarda, O Rosal e Tomiño con Tui e, dende alí, a través da A-55, con Vigo e o resto da rede viaria galega. Este corredor suporá un importante avance nos tempos de conexión e na seguridade fronte á vella estrada PO-552, que ten que atravesar numerosas travesías urbanas. |