|
O BNG considera ‘electoralista e falto de concreción’ o anuncio da conselleira de Política Territorial respecto do vial Tui-A Guarda O BNG considera que, despois de máis dun ano esperando por un novo estudio para o trazado do Vial Tui-A Guarda, a conselleira de Política Territorial, Mª Xosé Caride, na súa visita a Guarda do pasado lunes, non foi quen de presentar un proxecto rematado e o único que fixo foi “anunciar inconcrecións”, salvo o anuncio de que a nova infraestructura non será Vía de Alta Capacidade (VAC) senón corredor. Para os nacionalistas “o único que fixo a conselleira o pasado día 4 na Guarda foi electoralismo” sentencian.
Dende o BNG non entenden que despois de case dous anos estudando un novo trazado, a conselleira anuncie que se acometerá a Variante da Guarda e non diga por ónde; ou que na zona de Tomiño non haxa ningún tipo de definición do trazado e volva a manifestar que "tamén ten previsto redefinir un trazado máis axeitado", preguntandose no BNG que estiveron estudando durante estes case dous anos, tempo que consideran suficiente para poder ter definido un novo trazado. Por outra banda denuncian que esta indefinición e falta de concreción choca frontalmente con outro dato que deu a conselleira, ao dicir que se vai incrementar nun 40% o investimento da obra, co cal, din, "ou ben fala por falar, ou xa sabe por onde vai transcorrer a nova vía e non se atreve a dicilo, pensando máis nas próximas eleccións municipais que na mellora das comunicacións no Baixo Miño". Asi mesmo tamén manifestan o seu malestar co trato recibido pola consellaría, pois tiñan reclamado a nível comarcal, "e mesmo cunha iniciativa parlamentar" dende o pasado mes de xuño que se lles informara das previsións da consellaría respecto do novo trazado, tendo o compromiso de que se lles informaría en breve, cuestión que non aconteceu, cuestión que denuncian como unha "falta de respecto que a día de hoxe non se nos informara das previsións da consellaría e mesmo que non se nos convidara a este acto informativo -no que si estaban os alcaldes do PP e concelleiros socialistas- cando levamos varios meses esperando pola información pacientemente". Por último o BNG considera necesario que canto antes "se presente a definición do trazado proxectado, pois estimamos de vital importancia para o Baixo Miño a mellora das comunicacións, para unha mellor mobilidade e seguridade dos veciños e para a dinamización económica da comarca". Relacionada: O vial entre Tui-A Guarda non será VAC, senón un corredor que se poderá converter en autovía |