topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3609390

Alternativas visuais

js_element_orange
A fazaña sandinista PDF Imprimir Correo-e
Luns, 11 de Decembro do 2006

espiralA fazaña sandinista

Gustavo Luca

A sombra de bandeiras vermellas (algo desteñidas) da UE coméntase que o que acaba de pasar en Nicaragua é un desastre escuro e unha traición. Rememoran o combate anti-fascista, a limpeza da democracia, a pobreza compartida dos 80 e coidan que Daniel Ortega xa non os representa. Outros son máis enérxicos e acúsano de vender a capa do sandinismo aos seus adversarios clásicos. Por que logo no eixo de Martí e Bolívar (Cuba, Venezuela, Bolivia e tamén Brasil, Uruguai e Arxentina) celebran a vitoria dos sandinistas coma se fose súa mentres os norteamericanos están que morden?

Despois de dez anos de guerra terrorista contra a democracia de Nicaragua, os mesmos que colocaban as bombas fixeron campaña pola paz e gañaron as eleccións. Foi no 90. Todo sucedeu con luz e taquígrafos e observadores da UE que garantiron unhas eleccións libres. Pódese votar en liberdade co cano dunha ametralladora nas costas? Si porque era Norteamérica a que gañaba. Os governos que viron detrás (Violeta Chamorro, Arnoldo Alemán, Enrique Bolaños) cortaron a auga a luz e o crédito a todo o agrarismo sandinista para romperlle o espiñazo e ofrecerlle vias de escape na privatización e na traizón dos contratos cooperativos. Asi chegaba, por fin, a liberdade do capitalismo cunha parte propagandista importante: o sandinismo non caía pola coación e polas bombas de semtex contra as cooperativas senón porque os sandinistas eran falsos e ladróns. Devorábanse entre eles.

Cando os norteamericano deitaron en paracaidas a Violeta Chamorro sobre Nicaragua (Abril de 1990) alguén fixera dende estas mesmas páxinas a atrevida predicción de que a Fronte Sandinista volvería gañar as eleccións. Estaba cantado que os da Chamorro farían o indecíbel por evitalo. Na operacion de embarre e contaminación da FSLN lanzada naquel momento gastaron unha millonada: Daniel Ortega aparecia denunciado nas portadas das revistas europeas coma violador da súa filla. No mesmo programa da CIA metían a Mao coma pederasta, a Bertolt Brecht coma exhibicionista etc. A esquerda como reserva de desviados. Moitos ainda cren hoxe que un acta de acusación, a todas luces sobornada e cacarexada dende as tribunas do adversario, ten máis credibilidade que toda unha biografía de compromiso.

Despois estaba a rapañota (a piñata) do patrimonio público da revolución. Daniel Ortega indígnase cando lle piden contas polo que roubou o FSLN. E que roubou? Tráianme probas, di. Ten toda a razón. Que algúen escape coas mantas quere dicir que o exército queira matar de frio aos soldados? E logo ven o das alianzas inconfesabeis. Despois de tantos anos de guerra e levados ao límite da resistencia, os sandinistas abríganse un anaco nunha sacristía e meten nas listas a catro desertores da Contra. A algúns críticos ben acubillados na calefacción central e nos salarios do Estado da socialdemocracia cáelles o café da mesa ante semellante ignominia. Non contan que eles mesmo son monárquicos e atlantistas por omisión. Delegaran a súa opinión en Javier Solana cando os avións da OTAN bombardearon a televisión serbia e agora cégalles a vista dos cartaces do sandinismo porque non dan atopado neles os símbolos da revolución.

En Nicaragua gañaron os sandinistas. Levan a cabeza vendada de tantos golpes, o país desbandado e con miles de mortos e nas costas o pesado cadáver dos irmáns que non aguantaron e se pasaron ao inimigo. Fagan o favor de recoñecer que Daniel Ortega nunca variou de posición en defensa dunha alianza nacional contra a dependencia e a explotacion (Sandino) e que acaba de tumbar aos norteamericanos a votos.

 
< Ant.   Seg. >
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.