topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3610319

Alternativas visuais

js_element_orange
SANDINO VIVE PDF Imprimir Correo-e
Martes, 12 de Decembro do 2006

moncho lealSandino vive

Moncho Fernández Leal

O 27 de decembro de 1974, no exclusivo barrio Los Robles de Managua, as familias donas de Nicaragua, con apelidos antigos e aristocráticos coma Sacasa, Somoza, Debayle ou Chamorro, festexaban nunha homenaxe ao embaixador estadounidense Turner Shelton, que era tamén empregado de Howard Hughes. Cantaban felices o Merry Christmas cando un comando do Frente Sandinista de Liberación Nacional (F.S.L.N.) tomou a mansión do anfitrión, Chema Castillo. Non estaba Anastasio Somoza, o tirano, nin a súa dona, que quería ser chamada Hope, por ter sido bautizada Esperanza. Aquela acción foi precisa. Tamén preciosa.

Papá Nöel ollaba abraiado coma as familias que tiñan ao pobo nicaraguano baixo o terror e a explotación, aquelas que quedaran coa axuda internacional recibida no país polo terremoto do 72, sentían agora a evidencia de que o seu poder era temporal. Os días que seguiron o F.S.L.N. logrou que as radios de todita Nicaragua falaran de Sandino e leran o manifesto do comando que denunciaba a situación do país. Tamén lograron liberar presos. Un deles levaba sete anos na cadea e tiña a faciana desfigurada pola tortura. Era Daniel Ortega Saavedra. O responsábel do comando foi Eduardo Contreras, Marcos, e foi asasinado anos despois na loita clandestina antes do triunfo revolucionario. Coma foran Augusto César Sandino ou Carlos Fonseca Amador, fundador do F.S.L.N. e miope con visión de futuro.

Nicaragua é sempre un canto do que puido ter sido e non foi. O sandinismo aínda está en boa parte do pobo. Mais tamén presenta dúbidas que haxa que unirse cun vicepresidente amigo do FMI e antigo membro da contra. As eleccións perdeunas a embaixada de EE.UU., pero os próximos meses serán decisivos para sabermos se o goberno é un fin en si mesmo ou un medio. Para confirmar que aqueles eran mortos dos que nunca morren.

 
< Ant.   Seg. >
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.