topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3609420

Alternativas visuais

js_element_orange
¿CHÁVEZ O POPULISTA? PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 17 de Decembro do 2006

xabier dávila¿Chávez o populista?

Xabier P. Dávila

A campaña electoral das eleccións presidenciais en Venezuela volve a pór a Hugo Chávez no foco dos medios de comunicación. A súa victoria é incontestábel. A participación moi alta chegou ao 73,6%. A porcentaxe de votos para o vencedor de case dous terzos, o 61,6% dos votos emitidos.

Coñecidos os resultados continúa o labor de caricaturización da figura de Chávez e da revolución bolivariana. É o que esperamos dos medios de comunicación da dereita. Pola súa parte El País, fornecedor ideolóxico de boa parte da esquerda española titula "El auge de la izquierda populista". Populista, o mesmo adxectivo que se lle apón a Evo Morales ou a calquera líder político que non agrade ao morno consenso europeo.

Mais, ¿ que está a pasar en Venezuela? Juan Torres López é catedrático de economía na Universidade de Málaga e coordenador do libro "Venezuela a contracorriente. Los orígenes y las claves de la revolución bolivariana". O seu punto de vista1 é interesante porque estudou e coñece o proceso revolucionario. Tamén porque desde a parcialidade, a opción pola igualdade social, é quen de transmitirnos a realidade cos seus matices, coas súas luces e sombras.

A revolución bolivariana converteu en cidadáns aos que non o eran. Para poder exercer os dereitos de cidadanía é imprescindíbel posuír a "cédula", o equivalente ao noso documento de identidade. 8 de cada 10 venezolanos tiñan problema coa súa cédula. Isto impedíalles votar. Só entre outubro do 2003 e outubro do 2004 tramitáronse máis de 8 millóns de cédulas. Adóitase dicir que se concederon cédulas para que os pobres voten por Chávez. ¿Por que non se critica aos que durante décadas mantiveron á maioría da poboación fóra da condición de cidadáns?

Nace así un novo suxeito político. Os desherdados acceden á condición de cidadáns. Mobilízanse politicamente e a revolución convérteos en suxeito de dereitos sociais. Os eixes da nova pauta de redistribución da renda petroleira son a alimentación, a saúde, a educación e, en xeral, os gastos socias. O peso do gasto público no PIB aumentou en 5,4 puntos porcentuais e o do gasto social en 3,9 puntos.

No eido da educación alfabetizáronse máis de millón e medio de persoas, incluíronse tres millóns no sistema educativo, aumentou o 83% a matriculación na ensinanza preescolar, un 13% na básica e un 55% na media.

As Misiones sanitarias levaron a atención médica aos barrios populares onde non existía, máis de cen mil persoas recuperaron a visión e son millóns os que por primeira vez teñen dereito a asistencia médica.

Os mercados populares de alimentos (MERCAL) proporcionan alimentos con descontos do 25% ao 50% a máis de 15 millóns de persoas. O seu éxito fai que parte das clases medias empecen a usalos.

Ás partidas consignadas nos orzamentos do Estado para gasto social hai que lles sumar as cantidades enormes que a empresa pública de petróleo (PDVSA) entrega ás Misiones por un importe que pode acadar o 50% do procedente dos orzamentos.

Acúsase á revolución de utilizar os programas de asistencia para mercar o apoio popular. Será mellor xa que logo deixar á poboación sen asistencia sanitaria e mal alimentada? Deberían desaparecer a sanidade e o sistema de pensións públicos en Europa para podermos votar en liberdade? Que clase de moral se agocha atrás dos que agora critican a redistribución e antes ignoraban a miseria?

O certo é que hai millóns de persoas que se senten titulares de dereitos e donos das rendas petroleiras. O anterior reparto que beneficiaba á oligarquía e a unha decrecente clase media beneficia agora tamén as clases populares.

Critícanse os cambios que a revolución está a realizar. Non se informa, en troques, de que Venezuela, o oitavo produtor de petróleo do mundo, era o terceiro país máis desigual do mundo. De que durante os anos 90 o produto per cápita creceu un 0% e que o 89% dos nenos estaban en situación de pobreza. Este fracaso económico foi en boa medida consecuencia da aplicación das receitas neoliberais do Consenso de Wasingthon.

A nova política económica rexeita as recomendacións do FMI, estableceu o control de cambios para protexerse da fuga de capitais e está tentando crear un espazo para unha estratexia de desenvolvemento endóxeno.

Entre 1998 e 2001 os salarios reais aumentaron un 12%. A inflación reduciuse no mesmo período do 30% ao 12,3%. A ocupación aumentou en 550.000 persoas. A balanza de pagamentos por conta corrente case cuadruplicou o seu saldo positivo entre 1999 e 2001. O Produto Interior Bruto aumentou un 17,3% en 2004 e un 9,4% en 2005. Son indicadores dunha mellora macroeconómica que se obtén á marxe da ortodoxia neoliberal.

E as sombras? Torres cita a permanencia da antiga administración do Estado formada por funcionarios que en moitos caos se opoñen ás reformas; a corrupción, unha práctica moi estendida que xera ineficacia e desanima a poboación; a inseguridade e a violencia; a pervivencia do machismo e de certo racismo. Porén, estas lacras non son creacións da revolución, arrástranse do pasado e son desafíos que a revolución debe enfrontar.

E unha dificultade estratéxica. Deseñar un modelo económico non dependente da renda petroleira, un sistema económico viábel sen petróleo. Unha necesidade da que é consciente o Goberno revolucionario. Jorge Giordani, ministro de Planificación de Venezuela, contéstalle a un xornalista que o inqueriu sobre esta cuestión, "Moita xente aprendeu a ler nestes últimos anos, mais ¿ canto tempo lles levará poder formarse para traballar en alta tecnoloxía...? ? Dez anos? ¿ Unha xeración? Estamos a combater contra unha cultura da renda petroleira..."

Si dificultades, problemas, desafíos...que non existían cando Venezuela era un mar calmo de rutineira inxustiza.

1 Venezuela: las piezas del puzzle bolivariano. http://www.rebelion.org/noticia.php?id=42546

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.