|
Apróbase o decreto que regula o Instituto galego de calidade alimentaria A Consellaría do Medio Rural regulará o Instituto galego da calidade Alimentaria, Ingacal, que actuará como dinamizador da actividade agraria en colaboración coa industria alimentaria e cos consellos reguladores, mediante un decreto aprobado polo Consello da Xunta. O Ingacal ofreceralle ao complexo agroindustrial galego o soporte científico e tecnolóxico necesario para o seu desenvolvemento sustentable co obxectivo final da mellora da calidade da produción e seguridade alimentaria.
A Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega determina a creación do Instituto galego da calidade alimentaria, Ingacal, e dispón que un dos seus principais ámbitos de actuación será o da investigación e o do desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario galego, co fin de corrixir o déficit existente pese a ter un sector primario cun peso relativo importante e unha destacada actividade agroindustrial, debido á escasa dimensión da maioría das nosas industrias agrarias e alimentarias. O Ingacal será un instrumento que facilitará o funcionamento dos consellos reguladores e ofertaralles os seus servizos, co fin de optimizar os recursos e de reducir os custos de funcionamento grazas ao efecto de escala para contribuír á profesionalización, especialización e mellora da calidade dos servizos realizados. Será o Ingacal, ademais, o organismo de xestión e control das marcas de calidade do sector agroalimentario recollidas na Lei de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como da artesanía alimentaria de Galiza. O Ingacal pretende actuar de dinamizador, en colaboración coa industria agraria e alimentaria, para promover e participar directamente en actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico neste ámbito, cando se dean circunstancias de interese estratéxico, insuficiente participación dos axentes económicos ou necesidade de estruturar ou reestruturar un ámbito produtivo vinculado ao sector agrario e alimentario. Tamén desenvolverá actividades de investigación no eido dos procesos produtivos primarios, con especial atención aos aspectos da calidade e seguridade alimentaria, aos axentes biolóxicos causantes de enfermidades, principalmente zoonoses, e ao mantemento do medio ambiente. Ademais, e dado o carácter eminentemente aplicado e finalista das actividades de investigación, corresponderalle ao Ingacal desenvolver as actuacións de formación e transferencia de tecnoloxía nas materias da súa competencia. este xeito preténdese que a investigación no sector alimentario se entenda como un único corpo que abrangue dende o relativo á produción das distintas materias primas ata os seus procesos de transformación industrial e a súa posta a disposición dos consumidores, de xeito especial en materia de seguridade alimentaria, o que se concreta na obriga de implantar sistemas de trazabilidade ou rastrexabilidade para coñecer o historial dun produto dende a súa produción primaria ata o seu consumo.Os órganos de goberno do Ingacal serán o consello de dirección, a presidencia, a vicepresidencia e a dirección. Contará cun consello asesor, un comité consultivo das denominacións de calidade e un comité científico, como órganos de asesoramento e consulta en materias de protección e promoción da calidade e da actividade científica e técnica. consello asesor é un mecanismo que articulará a consulta e asesoramento do Ingacal mediante a participación dos axentes socioeconómicos relacionados cos seus obxectivos e funcións. Estará presidido polo presidente ou presidenta do Instituto, que poderá delegar no vicepresidente ou vicepresidenta, e estará composto por vogais, nomeados pola presidencia, representantes da administración galega, organizacións profesionais agrarias, sector cooperativo agrario galego, centros de investigación e centros tecnolóxicos do ámbito agrario e alimentario, industrias alimentarias, consellos reguladores das denominacións xeográficas e outros indicativos de calidade, universidades públicas de Galiza, organizacións de consumidores, sindicatos de persoal da Xunta e persoas que ostenten a dirección e a vicepresidencia do Ingacal. |