|
Pinocho na lama
Gustavo Luca A saudade pesaba nos peitos do congreso Laborista pola despedida do títere máis atlético de toda a súa circense historia, un artista do medio molinete que presentaba a fumigación con fósforo branco dos cativos de Canán coma unha véspera de paz e a privatización do seguro médico británico coma o Sermon da Montaña.
Todos choran ao quase perfecto malabarista que coa colocación do brazo dereito en arco baptismal e un fogonazo chosco sobre o lente da cámara arrastraba a grea pacifista detrás dun tanque Challenger FV4036 de 62 toneladas a todo dar dos seus 900 cabalos contra un hospital de Tikrit e facíalle crer que aqueles lampazos de 120 milimetros, gloria da industria de armamento británica, levaban a saúde e o benestar ao infeliz povo iraquiano. E sendo Blair era un artista, preguntamos, un Leonardo do disfraz que lle deu ao Laborismo tres lexislaturas no edén ameno de Margaret Thatcher e no patio do Pentágono, arrasando máis que comendo nas pereiras prohibidas da privatización, por que lle retiramos agora a rede cando el mesmo preparaba unha xubilación de ouro para 2008? Fantástico o espectáculo dos fabricantes de tanques que mandan un movimento enérxico e breve da cúpula blindada para que o Pinocho montado na retranca se espete na lama. Na cara de Gordon Brown cando di que hai sustituir ao candidato pluscuamperfecto está a auga pesada dos compromisos do poder vestidos de saia popular: hai que proclamar que Blair non estaba nun posto de tanta responsabilidade para lle levar as rosquillas pretzel ao Rei do Voto Mecanizado. E por que non? Porque se espera do primeiro ministro que sexa un canalla a condición de que non o pareza. Todos queren (queremos) que a bandeira británica deixe de ser obxectivo militar planetario, incluso na rede de metro de Londres, pero temos (teñen) que manter a liña de fabricación de tanques. Será primeiro ministro quen ate esas dúas moscas polo rabo. En xustiza Blair estivo a piques de atalas pero George o azufrado pasa as noites en vela estudando como recuar en Iraq e Afganistán sen que pareza que escapa o que significa que a única opción do laborismo é agora servir a cabeza de Pinocho confitada ao respectábel censo eleitoral. Céltico Brown, ao escoitar a retórica derradeira de Blair, desenfoca os ollos e sube os beizos sen abrir a boca coma o capador antes de raparlle a santidade ao ghato de anghora. Wraaam! |