topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3448818

Alternativas visuais

js_element_orange
As tres gracias do porto de Vigo segundo Abel Caballero PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 17 de Xaneiro do 2007

gustavo lucaAs tres gracias do porto de Vigo segundo Abel Caballero

Gustavo Luca

A Autoridade Portuaria de Vigo outorga medallas ao vello diario local, a unha casa consignataria e á fabrica de automóbeis instalada na Zona Franca. O presidente socialista coida que estes tres fitos simbolizan o máis importante da historia da institución que representa, dacordo coa filosofia que el mesmo expresara na súa toma de posesión, que o porto e a cidade naceron sen enfrontamento e sen ningunha contradicción.

"Vigo é o mar que subiu á montaña" di o presidente do Porto e candidato a presidir o Concello, Abel Caballero. No caso de Citroen esta afirmación mal acae coa realidade porque para atender o tránsito da multinacional de raiz francesa a cidade houbo de renunciar ao riquísimo pracer de Bouzas que foi aterrado e que hoxe é un estacionamento de máis de un millón de metros cadrados instalado sobre o que antes foi mar. A fábrica medrara sobre o val de Castrelos sen ningunha clase de planificación e deu lugar ao medre canceroso dun polígono auxiliar que derramou a veiga do rio Lagares. É obvio que a fábrica trouxo salarios pero tamén fagocitou un lindo anaco da ria e o moi querido e vizoso treito urbano do seu rio. 

O monumento principal da cidade de Vigo é para os seguidores do Abade de Valadares que expulsaron as tropas francesas. A festa local está consagrada aos voluntarios que se botaron de machado contra os soldados da tricolor. O alcalde Manuel Pérez, do Partido Popular, entregara a medalla da Reconquista de Vigo ao director de Citroen, un enxeñeiro francés que ironizou sobre a gracia viguesa de porlle unha vela a deus e outra ao diaño. "Deusiño é bon pero o diaño non é malo", coma di Cunqueiro. 

Outro grande negocio do porto de vigo foi a venda de billetes a emigrantes. Tan importante comercio animou a un consignatario enriquecido nos tempos da emigración altísima, no primeiro cuarto do século pasado, a proclamar que a cidade debía a súa existencia a esta especializacion no exilio por mar. Curros Enriquez usou só tres palabras para contalo dende outro lado: "aleve negreiro vapor". Por esa sombra ,se cadra, os consignatarios promoveron en 1910 unha colosal escultura para perpetuar a memoria do emigrante, un proxecto que se non puido realizar a causa da Guerra do 14. Durante a encarnizada Batalla do Atlántico, os vendedores de billetes das poderosas compañias británicas instalados en Vigo xuraban que os seus barcos eran os máis seguros contra os submariños alemáns. Non o eran, claro. 

A Autoridade Portuaria de dirección socialista confirma a tendencia das institucións públicas de tempos de Alfonso XIII a outorgar medallas aos emigrantes e aos que facian negocio da emigración. "Non hai ningunha contradicción" como di Abel Caballero. 

¿Non a hai? A importante acumulacion producida pola venda de billetes a América formou un grupo de presión que foi decisivo para o urbanismo das rías pero especialmente da de Vigo. As leiras hipotecadas mediante contrato de compravenda con pacto de retro para pagar os billetes formaban áreas de reserva de solo urbanizabel. O emigrante pagaba o billete e deixaba en prenda unha terra que serviu para os consignatarios especularen. José Maria Risquez observa nun tratado da emigración, premiado en 1910 pola Unión Ibero Americana de Madrid, que os billetes de emigrantes vendidos nos portos galegos son os máis caros. "De Barcelona a un porto do Caribe custa 100 pesetas pero o mesmo traxecto dende Vigo está a un prezo de 150 pesetas" O autor pergunta se a un emigrante galego non lle sairia máis barato embarcar en Barcelona. Claro que mellores prezos os de Xénova: un emigrante daquel porto pagaba deica Bos Aires a metade ca un emigrante embarcado en Vigo. 

A terceira medalla da Autoridade Portuaria é para Faro de Vigo que se chama desta maneira porque nacera de feito como avisador de chegadas e saídas dos barcos da emigración e foi fundado polo consignatario José Carvajal. Vendido nos 80, o máis antigo diario local de Vigo (hai outro fundado hai 25 anos) deixou cair a famosa páxina Estación Marítima na que lanzaba diarios ditirambos aos trasatlánticos. Na vella etapa. Faro non se andaba con requilorios e nomeaba director a un poderoso consignatario como Manuel Otero Bárcena que instalaba no corredor de entrada do xornal un mural de anuncios de navieiras en azulexos policromados. O túnel lousado en granito tiña unha altura de sete metros. O escorzo da proa colosal dun vapor abrumaba ao visitante dende a entrada. O xornal tiña enfados esporádicos contra o centralismo pero a súa liña editorial defendia a emigración como fenómeno necesario para trasvasar o que chamaba povoación sobrante. Durante os anos altos da emigración transoceánica, o Faro coidaba coma Abel Caballero que non había contradicción entre porto e cidade.

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.