|
O Miño é a nosa piscifactoria
Gustavo Luca A nosa piscifactoria maior está no esteiro do Miño. Nin ocupando todos os cabos da costa galega con caixóns de formigón, bombas hidráulicas. equipas de enfriamento de auga e bancais de desove, necesarios para criarmos peixe, dariamos nin sequer imitado a ancha respiración biolóxica deste abra vizoso cando vivia no estado de graza no que o atoparan as lexións de Decio Xuño.
Non está nas crónicas romanas pero escribímolo nós: o remanso derradeiro do Miño era un Machu Picchu imposibel de alcanzar polo areal bravo de Camiña, de navegación suicida pola correntía e os cons da boca e aillado coma un castelo polos cantís da rasa de costa que corre de Silleiro deica o Trega. Os romanos só deron chegado a esta beira de clima doado e rica de río, mar e terra até sondaren de baixada todo o Miño. A máis poderosa fábrica de vida e proteinas do País resistiuno todo até a metade do século pasado. A marea do meixón entraba coma un cúmulo de cor grisalla mentres o salmón, o reo, o sabalo e as enguías procuraban en extensos almeiros o camiño de retorno. Na beira intermareal, mazaricos e galiñolas toldaban o sol. A fartura era tanta e tan segura que algúns cronistas dos anos 50 contan a procesión estacional dos peixes coma quen avisa da saída dos barcos emigrantes, outra riqueza que pasaba coma algo natural. Pero nestas chegou o Conde. O Conde era herdeiro dun banco feito en Cuba cos pesos da trata de escravos. Nada extraño: asi naceran o Barclays, a Transmediterránea e o Banco Español de Cuba que andando o tempo acabou en Banesto. O Conde era amigo de Franco que decontado autorizou a entrega do río polo prezo simbólico dunha aperta fraternal. Quen se atrevería a defender os rios hai corenta anos? Erguer a man polo Miño, a nosa xoia, podia considerarse subversivo porque a doutrina oficial reservaba todo o sistema para a produción de electricidade. Os encoros eran poder, enerxía, industrialización, progreso. As obxeccións estaban mal vistas, mesmo que fosen so capa de admiración polo eterno motor de vida dos rios, polo poder seminal das enchentes. Na escola aprendiamos que Exipto existía pola graza do Nilo. "E nós, non debemos a vida ao sistema do Miño?", preguntabamos. "Cala a a boca e aprende o que ven no livro, túzaro, hereje". Doe a man escreber o que se perdeu cando lle puxeron portas ao río. A arrogancia do Conde non tiña límite contra os que reclamaban escadas para o ascenso dos peixes, mesmo cando os que o facían eran científicos e amigos seus, abraiados polo atentado contra a canle medular da nación. A maiores, o Miño era porta de riquezas pero tamén nacente de ouro para o mar. O río encorado deixaba de darlle a beiramar un invaluábel caudal de minerais en suspensión e, sobre todo, de sílice que era fundamental para a vida das rías, como nos ensina o biólogo Xurxo Pérez Pintos. O famoso secuestro eléctrico dos ríos trouxo apenas algunhas industrias de enclave. Non deu parado a emigración. Os quilovatios serven, por exemplo, para que unha empresa coma Pescanova poda proxectar de arrebato un lago de cemento en Touriñán e bombear auga de mar para os peixes respiraren. Despois hai que ir pescar xurelo que é o que come o rodaballo. Pero non tiñamos a nosa piscifactoria maior no esteiro do Miño? Como puidemos talar o bosque para facer un parque natural, como clamaba Obélix? Reparen na arrogancia deste novo Conde de Pescanova que reclama os cabos mesmo con máis imperio que gastaba o difunto Conde para meter os ríos na súa bañeira. Hai que reclamar a razón. Como explica Patrick McCully no seu libro sobre a ecoloxia e a política dos grandes encoros, son moitos os Estados do mundo que regresan do hipnotismo dos grandes proxectos hidroeléctricos ao cabo de descobriren que a intervencion nos ríos cobrou máis ca deu. Non hai que ter medo. Sempre haberá un mercenario que escriba nalgún periódico centenario que estamos contra o progreso. Claro, claro. Con outras formas de enerxia no horizonte, hai governos que xa comezaron a dinamitar os vellos valados de formigón dos ríos, sobre os que un dia se retrataran coma reis do mundo. |