|
México: 4 Leccións dunha “Tortilla de Maíz”
Xabier P. Dávila O pasado día 31 de xaneiro miles de persoas manifestáronse en Ciudad de México para protestaren pola suba de varios alimentos esenciais na dieta popular, por un salario xusto e para rexeitaren a importación de millo transxénico. O alimento básico do pobo mexicano é a tortilla de millo. Cada persoa consome unha media de 9 tortillas por día. 100 millóns de mexicanos comen 900 millóns de tortillas diariamente.
O consumo anual de millo en México é de 28 millóns de toneladas. Os agricultores mexicanos producen 18 millóns de toneladas. As 10 restantes impórtanse de Estados Unidos. Este país, que é o primeiro exportador mundial de millo, produce unhas 250 millóns de toneladas anuais. O uso máis tradicional do millo é para consumo humano como ben sabían os nosos avós para os que o pan de broa1 era parte sustancial da dieta. Este cereal utilízase tamén na gandería intensiva para alimentación do gando: porcos, aves...e na fabricación de coca-cola e pepsi-cola. Nos últimos anos o millo convertiuse na materia prima da produción de etanol, un combustíbel limpo que se queima nos motores dos automóbiles sen emitir CO2 e outros gases de efecto invernadoiro. Nos EEUU até o ano 1980 non se producía etanol a partir do millo. Entre o ano 2000 e o 2005 a produción de etanol pasou de consumir o 6% da produción estadounidense de millo a consumir o 20%: uns 55 millóns de toneladas. Segundo El Periódico de México en Estados Unidos funcionan 100 destilerías de etanol e están a construírse máis de setenta. Cando empecen a funcionar é previsíbel que dupliquen o consumo de millo. Como consecuencia do aumento da demanda o prezo do millo duplicouse nos últimos 12 meses chegando a 4,10 dólares por bushell (25,4 quilos). Este aumento dos prezos trasladouse ás importacións mexicanas de millo e finalmente ás tortillas das que se alimentan @s mexican@s. As tortillas de millo son sabias mestras das que podemos aprender. Primeira lección: o mercado é un magnífico asignador de recursos (para os ricos). Aínda que os prezos do millo suban os estadounidenses que conducen grandes todoterreos e pick-ups poderán encher os seus depósitos de etanol e queimalo sen emitir gases de efecto invernadoiro. "O norteamericano queima máis millo do que come o mexicano na súa tortilla". A alza dos prezos tampouco impedirá que os produtores de carne de porco alimenten o seu gando e o vendan máis caro. Segunda lección: o mercado é un pésimo asignador de recursos (para @s pobres). O aumento do prezo da tortilla empeora a alimentación de 50 millóns de pobres mexicanos, dos que case 20 millóns viven con menos de 2 dólares ao día. Será por iso que o Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) recoméndalle ao goberno de México que estableza substanciais e permanentes apoios á produción de millo, cana de azucre e oleaxinosas para garantir o abasto nacional. Terceira lección: os problemas ambientais non admiten solucións parciais. Se a gasolina e o gasóleo contaminan substituámolos por biocombustíbeis. A solución semella doada. Porén os biocombustíbeis necesitan mateira prima que se debe cultivar, cana de azucre, millo. Os cultivos necesitan terra, terra necesaria para producir alimentos ou para producir enerxía solar. Os usos compiten entre si, a terra non se crea, existe un stock limitado. Podemos establecer un paralelismo co uso da auga no levante español. A agricultura de invernadoiros, o turismo masivo, os campos de golf necesitan auga nun territorio no que chove pouco. Desbotado o trasvase do Ebro polo seu enorme impacto ambiental óptase pola construción de desalgadoras. As desalgadoras consomen enerxía eléctrica. A produción de enerxía eléctrica implica a emisión de gases de efecto invernadoiro que intensifica o cambio climático e a seca. Problemas que se solucionan con solucións que crean problemas. É urxente cambiar de paradigma e recoñecer a imposibilidade do crecemento ilimitado. "A nosa prosperidade está construída sobre o principio de esgotar os recursos mundiais tan rápido como for posíbel, sen pensarmos nos nosos veciños, no resto da vida sobre o planeta e nos nosos fillos e fillas.". Cuarta lección: o capitalismo non pode afrontar a crise ecolóxica (con xustiza para @s pobres). O capitalismo é dinámico por natureza, non pode parar de medrar, como unha bicicleta na que non podemos deixar de pedalar. Para frear a contestación que podería provocar a desigualdade o capitalismo ofrece o engado do crecemento constante. Si, somos moi desiguais. Porén, todos cada vez temos máis, podemos consumir máis. E os países pobres algún día serán ricos e os que hoxe son ricos mañá o serán máis aínda. Só un sistema económico baseado na igualdade podería lexitimar unha sociedade que non prometese unha produción e un consumo en aumento constante e adaptar o sistema produtivo aos límites ecolóxicos do planeta. 1 Antes da chegada desta planta dende América na Galiza cultivábase e comíase millo (panicum miliaceum). Á nova planta déuselle o nome da tradicional. Nalgúns lugares do noso país conservouse moito tempo a diferenza entre o millo miúdo (planta europea) e o millo gordo ou maínzo (planta americana). |