topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3610315

Alternativas visuais

js_element_orange
CCOO, UGT e a patronal asinan subas dun 2% PDF Imprimir Correo-e
Luns, 19 de Febreiro do 2007

A CIG propón aumentar os salarios como mínimo un 5%

A principios de febreiro as dúas grandes centrais estatais (CCOO e UGT) e a patronal (CEOE) asinaron o Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva para o ano 2007. Os asinantes recomendan negociar os incrementos salariais en función do obxectivo de inflación para 2007 (2%), o reparto negociado da produtividade e a inclusión de cláusulas de revisión salarial.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, criticou, nunha rolda de prensa, que se tome como referencia permanente para a negociación salarial a previsión de inflación que fai o Goberno central. Dende 2002 a 2006 a inflación real medida polo INE foi do 16,3%, mentres que a previsión de inflación feita polo Goberno foi de só un 10,3%.

Respecto da cláusula de revisión salarial Suso Seixo explicou que non existe en moitos convenios. Nos casos en que si existe os traballadores temporais (un 34% do total) non se benefician dela. Cando chega o momento de cobrar os atrasos xa cambiaron de empresa ou non se atreven a esixirllos á empresa polo temor á non renovación do contrato.

O secretario xeral da CIG relacionou os Acordos Interconfederais, que se suceden dende 2002, coa perda de poder adquisitivo dos salarios que reflicten todos os estudos sobre o mercado laboral. Por outra parte denunciou que o Índice de Prezos ao Consumo (IPC) non recolle fielmente a evolución dos prezos para a clase traballadora. Os bens de consumo máis habitual para os perceptores de rendas máis baixas pesan menos no cálculo do IPC que o que representan na cesta da compra. Por outra parte o IPC minusvalora a parte que do gasto total representa a vivenda e a evolución das cotas dos préstamos hipotecarios ao subir o Euribor. Por último lembrou que o 60% dos traballadores galegos perciben salarios inferiores a 1.140 euros mensuais.

As teses da CIG sobre a perda do poder adquisitivo dos salarios confírmanas os informes trimestrais do IESE da Universidade de Navarra. O último informe publicado confirma que os salarios reais galegos son un 1% inferiores aos que se percibían en 1997. Un estudo encargado pola CIG ao catedrático de Economía Xavier Vence demostraba que o IPC oficial é enganoso e propuña basear a negociación colectiva noutros indicadores.

Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva e Saúde Laboral da CIG, expuso os criterios que defende a central nacionalista para a negociación salarial no 2007:

  • O establecemento dun Marco Galego de Relacións Laborais e que os convenios colectivos sexan de ámbito galego o que facilitaría a participación dos traballadores na negociación.
  • Que se calculen os incrementos salariais tomando como base o IPC do ano anteriorr máis tres puntos porcentuais o que implicaría un mínimo dun 5% de aumento.
  • Un incremento salarial mínimo de 441 euros anuais, superior aos 300 euros que implican o acordo de Madrid.
  • A penalización da temporalidade establecendo porcentaxes máximas de eventualidade e mínimas de emprego indefinido polo menos do 70% do cadro de persoal de cada empresa.
  • Camiñar cara a xornada de 35 horas semanais.
  • Que os representantes sindicais teñan a capacidade de vetar unha mutua cando esta reincida en prácticas contrarias a dereito, á saúde e á prevención dos riscos laborais.
  • Por último a CIG propón incluír medidas en materia de xénero en relación cos procesos de selección, retribucións e planos de igualdade.
 
< Ant.   Seg. >
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.