|
Palabras Derrotadas
Moncho Fernández Leal Nas guerras a primeira vítima é a verdade. Nos conflitos é máis importante aparentar que ser. Na historia as palabras van mudando. A tendencia social que sacraliza a vida individual, parálise máis ca movemento, responde ao nome de nihilismo, que foi nalgún momento unha contestación á tendencia dominante.
Cando se fala de tolerancia, a expresión conleva niveis distintos, superioridade, non respecto. Non é politicamente correcto cuestionar o sistema. Vivimos no mellor dos mundos. Hai que ser positivo. Optimista. Non hai problema. O imperialismo agóchase detrás da globalización neoliberal, pero non é citado polo seu nome. Aos países expoliados chámanlle en vías de desenvolvemento, coma se estivesen medrando nunha carreira na que van retrasados. Os conservadores non conservan o patrimonio cultural ou ecolóxico. Fálase de que o dereito de autodeterminación está fora de tempo, coma se por compartir ministros os pobos estiveran máis unidos. Na era da comunicación aumentan as consultas terapéuticas. O progreso relaciónase co número de automóbiles, cos quilómetros de asfalto. Un xornal falaba de que o socialista Solchaga aconselleu a Cuba rematar co socialismo. O Banco Mundial é realmente o banco das transnacionais. O Fondo Monetario Internacional é un saco sen fondo para o gran capital, dobre fondo para os países pobres. En Afganistán están os exércitos na procura de Ben Laden. O ritmo da Lexión española marcao unha chiviña. Diálogo é unha palabra case prohibida. E logo?, o futuro é o monólogo? Non é moderno falar da loita de clases, din as mesmas voces que consideran que a monarquía ten moito futuro. Que liberdade pode defender o PP se na súa executiva as pernas con cilicios teñen maioría? |