|
Oito voltas
Gustavo Luca A forca debe ser a única institución británica que permanece en Iraq despois de moitos anos de activa intervención colonial. O supervisor de tan moderno instrumento fora Winston Churchill.
Despois da derrota dos otomanos en 1917, un rápido desembarco británico asegura o control dos campos de petróleo iraquianos ainda que non se tarda unha resistencia armada de grande afouteza e poucos medios. Churchill, daquela ministro das Colonias e o membro máis novo do governo, con corenta e poucos anos, toma nas súas mans o desafio de asegurar a explotación dos pozos de petróleo e desarmar á resistencia. A morfina permítelle roubar horas ao sono para preparar todos os detalles dun experimento de control colonial co uso de infantería pouca e de alta tecnoloxía. O doutor Winston Jekill vive de noite nun mundo narcótico no que ri polo "excelenete efecto moral" das bombas incendiarias sobre as vilas. De día ordena á aviación o uso de gas mostaza e de bombas de fósforo. "Non entendo a que ven tanta repugnancia polo uso de armas químicas -confesa Churchill- sobre todo cando vexo as enormes ventaxas do uso do gas mostaza sobre as tribos incivilizadas". Na primeira guerra de Norteamérica contra o Iraq ainda vivían persoas salvadas de milagre das bombas incendiarias do ministro das Colonias. O soño de dominar o país dende avións mediante armamamento ultramoderno raptaba a mente dos novos invasores, aparentemente ignorantes de que o mesmo insomnio fora antes un completo fracaso político para os británicos e un agravio incurábel para o Iraq. A oposición da política guerreira de Blair pregunta como é que o país non pediu nunca perdón nin ofreceu compensacións polas bombas de reloxería, as cargas incendiarias (anuncio do Napalm que arrasaría nuns anos o Delta do Mecong), o fósforo, a metralla e as balas de repetición sobre aldeas desarmadas do Iraq nos anos 20-30 do século pasado. E que non queden sen citar os cepos de metal deitados sobre os pastos para acabar co gado. Perfectamente corrompido por esta experiencia de aprendiz de xenocida, Churchill, xa primeiro ministro, mandou queimar sete anarquistas que protestaban encerrados nunha casa do centro de Londres. Claro que queimar vivo un veciño non pasa igual ca prender con gasolina lonxanas "tribos incivilizadas", como propuña o fogoso ministro das Colonias no Iraq. (A partir daquel crime ningún político invoca a Churchill, coa excepción de Manuel Fraga) Os norteamericanos tiraron fotos de Hussein aforcado para denigralo alén da vida pero non apreciaron que nas imaxes aparece a gaza de oito voltas, feita con maroma de pita de 40, que Winston Churchill levara ao Iraq para pendurar aos que resistiran o gas mostaza. Unha autoridade mundial coma Clifford Ashley recorda que "hai quen defende a gaza con nove voltas para acabar cos parecen ter nove vidas coma os gatos, pero a Autoridade (británica) favorece decididamente dende hai ben anos o nó de oito voltas" |