|
Venezuela no mundo
Moncho Fernández Leal A trascendencia do movemento bolivariano de Venezuela para o continente americano en particular e para os países dependentes en xeral supera este momento concreto. Está en xogo o futuro da auténtica independencia das nacións, deixar de ser o patio traseiro que EE.UU. sempre considerou a América Latina.
Co presidente Chávez millóns de persoas accederon por primeira vez na súa vida a programas de asistencia e desenvolvemento social. Millón e medio foron alfabetizadas. Incluíronse 3 millóns no sistema educativo. Houbo 70 millóns de actuacións sanitarias, 20 millóns de tratamentos en quirófanos ambulantes. Cen mil persoas cegas por cataratas voltaron a ver. Antes da "Misión identidade" tiñan problemas coa cédula 8 de cada 10 persoas. Nun ano tramitáronse máis de 8 millóns de cédulas. Individuos que non existían pasaron a ser membros da cidadanía, foron titulares de novos dereitos. Os medios de comunicación privados, contrarios ao goberno de Hugo Chávez, ocupan o lugar da oposición. A aparición de Chávez, o movemento bolivariano que, de xeito autónomo e orixinal, revolucionou Venezuela, foi a resposta á política neoliberal que seguía as normas do poder económico internacional. Venezuela sufría unha degradación das súas condicións de vida. Un país que chegara a ter unha renda per cápita superior aos países máis desenvolvidos de Europa, pasou a ter un 70 % de pobreza a finais do 90. Agora hai un espazo, dentro dunha sociedade que aínda é burguesa, a novas relacións económicas baseadas en mecanismos autoxestionarios e coxestionarios. O goberno potencia o autoabastecemento, a diversificación da produción. Creáronse 41 mil novas cooperativas. A imaxe de Chávez é namentras ridiculizada nunha Europa que non é quen de ver o que hai máis aló do eurocentrismo. |