topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3454102

Alternativas visuais

js_element_orange
Partido Popular: dereita civilizada, sen complexos, franquista PDF Imprimir Correo-e
Sábado, 10 de Marzo do 2007

xabier davilaContra a dereita mentireira

Hoxe é 11 de marzo. Cúmprense 3 anos da maior matanza desde a recuperación da democracia no Estado español. Onte, 10 de marzo, o Partido Popular mobilizou centos de miles de persoas contra a liberdade atenuada de De Juana Chaos. Falso. Mentira. Manifestáronse para que esquezamos o seu comportamento indigno, antidemocrático de hai tres anos. Manifestáronse para que esquezamos o esboroamento das súas irracionais teorías da conspiración.

Madrid, 11 de marzo de 2004. O estoupido de varias bombas no comboio de cercanías deixa 192 mortos e centos de feridos. O goberno asegura que o atentado foi obra de ETA. Falso, mentira. Era Presidente do Goberno José María Aznar, Ministro de Interior, Ángel Acebes e Portavoz do Goberno, Eduardo Zaplana. Mariano Rajoy dimitira meses antes para presentar a súa candidatura á presidencia. O medo domínaos. Temen que se o pobo sabe da verdadeira autoría, relacione o atentado coa participación do Estado español na invasión de Irak. Deciden agachar a verdade até o día das eleccións. Fracasan. Centos de miles de votantes mobilízanse ao se sentiren manipulados. O PP perde as eleccións. Agora queren que esquezamos. Non esquecemos.

O xuízo do 11-M está a deixar en ridículo as súas paranoicas teorías conspiratorias da autoría de ETA coa complicidade do PSOE, a Garda Civil, os servizos de intelixencia e a Orde dos Templarios. Falso. Mentira. Queren que afastemos os nosos ollos da verdade que ha producir a sentenza.

José María Aznar recoñeceu hai semanas que non existían armas de destrución masiva en Irak. Afirma que hai tres anos enganárase. Falso. Mentira. Sábiao. Sabiámolo. Os centos de miles de persoas que nos manifestamos en Galiza. Os millóns de persoas que se manifestaron no Estado, en Europa, no Mundo. E se non o soubese, tal sinistra ineptitude, tal disforme incapacidade non abondaría para que renunciase a calquera responsabilidade pública, política?

Agora saen á rúa da man da dereita extrema, arborando os aguiotes, recuperando a linguaxe excluínte dos bos e os malos españois, o léxico maniqueo, inquisitorial, da España Unha, Grande e Libre. Un sorriso lene abroia nos nosos rostros. Despois de décadas de nos manifestar, son eles os que se manifestan. Din facelo polas vítimas. Falso. Mentira. Non tiveron onte unha verba, unha lembranza para os mortos do 11 de marzo. Que revela ese freudiano esquecemento, que remorso, que incomodidade?. Españois bos e españois malos, vítimas boas e vítimas malas. Non tiveron onte unha verba, unha lembranza para as vítimas, centos de miles, en Irak. É que as nais iraquís non son nais? E que as súas bágoas son menos humanas cás nosas? E que a destrución dun país enteiro non é terrorismo?

Insultan o Presidente do Goberno español. Recuperan a linguaxe rancia, resesa, machista que ficara afastada do espazo público. ¡ Covarde! E cando o din están a se referir ao valor testicular, gonadal. E imaxinámolos a pór a súa hombría en riba da mesa. Mais nós estimamos o valor cívico, o valor da intelixencia e do amor á liberdade. Din que España está en mans dos "maricones". E un Deja Vú tráenos o arrecendo da España franquista e da Lei de Perigosidade Social. Berran no Senado. Para impediren que fale Zapatero. É unha representación teatral para os nostálxicos do Xefe. Só un home forte, capaz de ensinar os cairos, de erguer o índice ameazante para acusar é merecente do goberno, do PODER. E buscan o apoio dos amantes da dialéctica do amo e do escravo.

Xa que logo, que se manifesten. Están no seu dereito. Para iso loitamos polas liberdades. Contra eles e os seus xenitores políticos. Porén, non cremos as súas mentiras. E apoiaremos calquera intento que se faga para conseguir máis liberdade e paz. Tamén en Euskadi.

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.