|
Martes, 13 de Marzo do 2007 |
|
Orde Mundial
Moncho Fernández Leal O foro de Davos reúne ao dirixentes dos países poderosos, os mesmos que negaban onte mesmo o cambio climático e que agora ameazan con buscar solucións que ven coma novos negocios. Nos últimos anos á súa sede acoirazada reciben invitación artistas diversos para, co glamour requerido, plantexar algúns temas que supoñan discursos máis acaídos, pero que non pretenden modificar o sistema social. É unha reunión na que se defende o interese corporativo. Estudan temas que as organizacións alternativas denunciaron hai 10 anos.
O Foro Social Mundial, que leva xa sete edicións, supón o intercambio de ideas e propostas das organizacións do que se ven chamar sociedade civil, para superar este sistema e buscar a cooperación. Son analizados temas vitais coma o comercio ou a auga. É subliñable que os acordos son por grupos de interese temático. Non hai un acordo global. Unha característica extraordinaria é que non é algo monolítico, senón que está tan aberto á participación coma fechado á manipulación ou control por gobernos ou partidos políticos que persigan o poder do seu grupo. Isto trae a vantaxe de coñecer e escoitar unha vez ao ano, ou cada dous coma será desta volta, diferentes postulados, e o perigo de que se converta en reunións só aptas para profesionais, burócratas ou persoas do mundo desenvolvido que busquen alternativas persoais. Mesmo que se coe ese sector socialdemócrata tan elegante e insubstancial. Este ano xuntáronse 50 mil persoas e houbo 1.200 actividades. O conseguido por este foro é moito. Hai dez anos dábase por rematada a historia, e o pensamento único que atenta contra a razón, enchoupaba os discursos, e non só os oficiais. Davos recita o libre comercio, o Foro significa un canto ao librepensamento. |