|
Luns, 11 de Xullo do 2005 |
Burocracia
Moncho Fernández Leal
O resultado dos referendos en Francia e Holanda fixeron tremer as
estructuras institucionais do proxecto de tratado europeo. Na campaña
no estado español presentábase o non coma algo fora de lugar, preludio
da catástrofe. Europa só se podía entender dende o si. Hai que lembrar
que o texto, votado pero moi pouco lido e nunha versión resumida, tivo
unha aprobación do 34,66% do censo, mais suficiente para aprobalo.
A conclusión admite poucas dúbidas. Se un documento é rexeitado, a máis
tendo a todo o aparato de poder a favor, hai que rescribilo. Hai voces
que se empezan a escoitar subliñando que o problema é o referendo en
si. Se hai unha democracia representativa, o lugar de decisión é o
parlamento.
A descualificación de calquera postura que cuestione o sistema ou mesmo
o critique é demonizada. Ir contra corrente ten uns efectos para os que
non todas as organizacións, non todas as persoas, están preparadas. Hai
poucos proxectos, poucas propostas de afondar no termo de democracia,
devolvéndolle o primario significado de poder do pobo. Só se traballa
no terreo da representación, sen facilitar a democracia participativa.
A descentralización administrativa, posibilitar que as institucións
estean máis perto da cidadanía facilitaría o control e a participación.
Non se pode cuestionar un resultado con argumentos que se refiren a
diversas intencionalidades do voto non. O mesmo poderiamos decir do
voto si.
A burocracia institucional da Unión Europea, elitista e reaccionaria,
vai por un camiño e a xente que dixo non por outro. Pode resultar que
quen perdimos o referendo de febreiro realmente deramos a resposta
axeitada para unha solución de futuro. A catástrofe real é a
burocracia. (ANT nº 1.182) |