|
España e Portugal preferiron Estremadura á Galiza
Ângelo Gonçalves Vicente O extraordinario receo das autoridades galegas á hora de asumiren, con todas as consecuencias, que a Galiza é o territorio do Estado español máis próximo de Portugal e da Lusofonía a todos os niveis acaba de supor un novo golpe para o noso país, que ve como o Secretariado Técnico Conxunto, a xanela pola que deberán pasar todas as candidaturas de proxectos de cooperación hispano-lusos para obteren apoio da UE até o 2013, incluídos os da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, vai para Badaxoz e non para Vigo, a cidade galega que aspiraba a asumir esta estrutura.
Falamos de varios postos de traballo directos perdidos... mais tamén falamos de simbolismo: a España e Portugal preferiron a Estremadura á Galiza como referencia común. Absurdo? A priori, si. Se repararmos un pouco máis, non. A priori resulta absurdo porque a Galiza e boa parte do actual territorio portugués foron unha unidade política durante séculos e, por consecuencia, compartillan hoxe idioma, costumes, paisaxes, músicas, ditos, características económicas, gastronomía, etc. Absurdo porque, partindo desa profunda ligazón, a Galiza hoxe debería estar pedindo ser membro de pleno dereito da organización internacional máis importante dos países aos que Portugal levou a nosa lingua, a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa, debería estar demandando ao Comité Olímpico Español o dereito a participar nos Xogos da Lusofonía, debería estar reivindicando que os corpos diplomáticos do Estado español nos países lusófonos contasen con persoal galego... O de xestionar desde a Galiza calquera tipo de asunto relacionado cos dous Estados non debería ser unha esixencia, senón algo obvio, asumido de modo natural por autoridades galegas, españolas e portuguesas. Se repararmos, no entanto, vemos na Galiza prexuízos, medos incomprensíbeis a asumir o seu papel de nexo natural entre a España e a Lusofonía toda. Susceptibilidades que se traducen, por exemplo, na escasa ou nula incorporación nos libros de texto de lingua galega de contidos sobre a historia común das falas de aquén e alén Miño e sobre as escasas diferenzas fonéticas e gráficas. Prexuízos que impeden, poñamos outro exemplo, o traballarmos pola recepción en toda a Galiza das televisións e radios portuguesas. Medos, en fin, que fundamentan e até lexitiman declaracións como as do Vicepresidente estremeño, Ignacio Sánchez, cando asevera que Estremadura alcanzou xa un nivel de relacionamento e ligazón con Portugal igual ao da Galiza! Acontece, é certo, que na Estremadura si se está a avanzar nestes e outros ámbitos, de modo absolutamente decidido. Mesmo teñen un Gabinete de Iniciativas Transfronteirizas, organicamente dependente da Presidencia da Junta de Extremadura. Alá estes son avances de senso común. Aquí, propostas semellantes son vistas como delirios de nacionalistas rancios. Absurdo. |