topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3454084

Alternativas visuais

js_element_orange
O beneficio do sector financeiro pasará de 25.000 millóns de euros PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 22 de Marzo do 2007

xabier pérez dávila¡Fagan xogo, señores, a Banca gaña!

Xabier P. Davila

O Banco de España prevé, en base aos datos xa dispoñíbeis, que o beneficio do conxunto das entidades financeiras superará os 25.000 millóns de euros, máis de 4 billóns das antigas pesetas. De confirmarse esta cifra equivalería a máis do 2,5% do PIB do ano 2006 (976.184 millóns de euros).

Fai unhas semanas InfoRosal informaba das críticas realizadas pola CIG ao recente acordo asinado entre CCOO, UGT e a patronal. O acordo estabelece un aumento salarial igual ao IPC previsto, o 2%, máis o incremento da produtividade que foi do 0,8% no exercicio 2006, segundo datos do INE. Este aumento contrasta cos espectaculares resultados das entidades financeiras.

O resultado da gran banca (Santander, BBVA, Caja Madrid, La Caixa e Popular) crece un 31,5% con respecto ao 2005 cun beneficio conxunto de 17.146 millóns de euros. Entre todos salientan os resultados do Santander, 7.596 millóns de euros. Unha cifra superior á suma dos orzamentos das consellerías de Sanidade ( 3.201,6 millóns), Educación (2.142,2), Medio Rural (628) e Benestar e Igualdade (405,9).

A banca mediana (Sabadell, Banca March, Bankinter, Pastor, Guipuzcoano e Valencia) aumenta os seus beneficios un 66% até superar os 2.000 millóns de euros.

A reforma da Imposto de Sociedades promovida polo goberno ¡¿socialista en política económica?!, que baixou o tipo impositivo dende o 35% actual ao 32,5% no ano 2007 e o 30% no ano 2009 permitirá un aumento adicional dos beneficios de bancas e caixas. Este é o cuarto ano de beneficios récord do sector.

A semana pasada David Taguas, asesor económico do presidente Zapatero, publicou un artigo na revista das caixas de aforros no que alertaba sobre unha suposta insuficiencia do sistema público de pensións para o ano 2015. O artigo publicouse no mesmo medio que alertará sobre unha creba do sistema para o ano 2000. No 2007 o sistema público de pensións presentou un superávit histórico. Como se informaba nun artigo publicado por elotrodiario.com, e que InfoRosal reproduciu, Taguas foi vicedirector do servizo de estudos do BBVA.

Pois ben o BBVA empregou 544 millóns de euros en 2006 para financiar a prexubilación de 1.850 traballadores. As partidas asignadas para prexubilacións foron de 716 millóns no Santander e 200 millóns en La Caixa. Os mesmos que propoñen atrasar a idade legal de xubilación para garantir a viabilidade do sistema adiantan a xubilación de persoas con plena capacidade intelectual e produtiva.

Mais, eles, feitos doutra pasta, resisten coma leóns. Botín de 72 anos afirma que "nin o conselleiro delegado nin eu temos prevista a data de xubilación". Alfredo Sáenz, conselleiro delegado, ten 65 anos. Se cadra este amor ao traballo derívase das súas nada moderadas retribucións. Francisco González, presidente de BBVA, percibiu en 2006 9,78 millóns de euros, cun aumento do 8,84% sobre 2005. E para que non lle falte unha codia no seu día o fondo de compromiso de pensións para os tres consellerios executivos de BBVA é de 104,5 millóns de euros (máis de 17.000 millóns de pesetas). Este fondo aumentou máis do 19% dende 2005.

Será isto ao que se refire o noso presidente do Banco Central Europeo, Jean-Claude Trichet, cando volve, por enésima vez, pedir moderación salarial? "a moderación salarial é e seguirá a ser importante" en Alemaña e en Europa. O noso presidente bancario indígnase enérxico contra as voces que dende Francia piden que o BCE atenda outros factores (por exemplo o paro) ademais do controlo da inflación á hora de decidir a política monetaria. "O Tratado de Maastricht esixe unha total independencia do banco central europeo. Segundo o tratado, os gobernos nin sequera deben tentar exercer influencia sobre o BCE". E quen senón un irresponsábel querería levar a democracia até a política económica?

Doutra banda da mar océano Exxon Móbil elevou os seus beneficios até 30.620 millóns de euros, a maior cantidade que nunca obtivo unha compañía estadounidense. Exxon Móbil é unha das petroleiras que se beneficiará da nova lei que prepara o parlamento iraquí para asignar a explotación dos recursos de petróleo.

Para rematarmos lembramos a aquel forasteiro que chega camiñando á vila e pregunta: ¿Quen manda aquí? Naturalmente o pobo, contéstanlle. E retruca: si naturalmente o pobo. Porén, ¿ quen manda aquí realmente?

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.