|
Por que gañan os chetnik
Gustavo Luca Voislav Seseli chamaba traidor e mixiricas a Slobodan Milosevic por permitir que os Estados Unidos e á UE lle governasen o mapa de Iugoslavia e, deporparte, a UE coidaba que Milosevic era o atranco principal para o armisticio de Iugoslavia pola súa intransixencia a novas concesións territoriais. A morte de Milosevic na cadea foi considerada por Solana a desaparición do valado derradeiro para a pacificacion dos Balcáns.
Voislav Seseli é o líder do partido máis votado de Serbia, nunhas eleccións nas que Norteamerica e a UE anunciaban o seu enterro. Unha caricatura publicada en Beograd pinta nun podio olímpico, a Voislav Costunica, candidato favorecido polos Estados Unidos e protagonista do Partido Democrático de Serbia, a chorar no posto terceiro, con medalla de bronce. No segundo lugar aparece Boris Tadic, a opción da UE e actor da campaña máis cara que se recorda en Iugoslavia. Rompendo as táboas do lugar de honra, ascende Seseli co beizo torcido de risa e adornado cun cinto de granadas. Tadic parece espantado. Os dous candidatos promovidos a prezo de ouro polos seus padriños occidentais coma cofrades do prezo xusto, a democracia e o diálogo tamén estas asustados. Como pode o culto eleitor preferir os chetnik aos dous demócratas de Armani que tan ben rosman inglés nas televisións de satélite? Leron ben os chetnik (do sustantivo serbo-croata chet que significa banda ou cuadrilla) ou bandidos, formados na resistencia contra os otomanos e aliados de Hitler na guerra, famosos polas infamias (contounas Malaparte) contra as aldeas serbias que axudaban aos partisanos. Odiadores de Milosevich, ao que consideraron sempre axente soviético, foron con todo atraidos ao proxecto do Partido Socialista Serbio, os comunistas, coma única opción nacionalista con base eleitoral. Os votos van para Voislav Seseli preso na Haia, procesado por crimes de guerra, porque norteamericanos e europeos borraron antes da lista a Milosevic e deron forma aos seus propios candidatos. A apariencia mediática de Costunica e Tadic non da para agachar todo o que entregan aos seus promotores: a liquidación final do importante patrimonio público iugoslavo, cun paro real que ronda a metade do censo, e a realidade dunha Serbia que é hoxe moito máis pequena que no momento da súa independencia no XIX. Toda a inventiva política dos dous candidatos occidentais non da para convencer aos votantes, como queren os seus padriños, que deben renunciar a Cosovo en nome da paz futura. Paz por territorios. Aos serbios traelles ecos da mesma promesa cínica que lle fixeran en Oslo aos palestinos e resultou ser decontado nin paz nin territorios. A seguir pedíronlles a entrega de Milosevic (e de Arafat) para a solución final. Os candidatos de traxes caros presentan o de Cosovo coma un expediente de auto-determinación inaplazábel. Non é extraño que os serbios vexan nesta nova capitulación a liquidación e saldo do que queda de Iugoslavia. De feito, a morte de Milosevic non fixo máis que encamiñar a situación para unha nova guerra. |