topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3448829

Alternativas visuais

js_element_orange
O prezo da paz no Iraq PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 29 de Marzo do 2007

Gustavo LucaO prezo da paz no Iraq

Gustavo Luca

A noite de Bagdad, sen luz e sen permiso para circular, ten extraños protagonistas: axentes norteamericanos que procuran alianzas cun candil na man. A destrucción do Iraq só pode servir aos intereses das tropas ocupantes mediante conversión da política da forza en acordos cos países da área.

Sen pactar co adversario non pode chegar o esperado negocio da reconstrucción nin o do control estábel dos hidrocarburos e moito menos a retirada das tropas de ocupación. O que practica Bush é a derradeira ronda das armas para abaratar o prezo do armisticio coa resistencia iraquiana. Algo asi fixeran Nixon e Kissinger antes de sentaren en Paris para acordar a retirada do Vietnam.

Non é ningunha novidade que a política mediante uso de explosivos de alta tecnoloxía deixa aos aliados dos Estados Unidos en Oriente Próximo nun estado de crise sen solución. Os governos dos seudíes e de Exipto son o máis parecido á Zona Verde dos Estados Unidos no Iraq: un valado que defende a un Estado Maior militar contra o povo que os rodea. Os aliados contemplan a destrucción do seu veciño iraquiano entre o terror á forza colonial e o divorcio completo cos seus propios governados, como sucede no Paquistán, en todo o Magrib e, en boa medida, entre os turcos.

Bush anunciara unha guerra de días na cuberta do portaavións. Cando vai para catro anos, o que non aguantan son os alicerces a toda a súa maqueta política da área e nomeadamente o governo de Ehud Olmert, herdeiro de Sharon. Cúmprese a razón dos que acautelaban dentro do Estado de Israel do risco enorme de asumir a política de terra queimada dos Estados Unidos no Iraq. O actual governo de Tel Aviv non só prestou apoio loxístico e político contra os seus veciños ao exército norteamericano senón que lanzou unha guerra contra a poboación do Líbano por ter un estado de opinión favorábel aos iraquianos.

A completa derrota dos tanques israelitas a mans da resistencia libanesa mete coma un gas marelo de desconfianza e desconcerto entre os partidarios da ocupación militar de Palestina. Como era de esperar, Washington non paga traidores e comeza a conformar a opinión de que os intereses dos belicistas de Olmert non coinciden cos seus, cinismo perfecto de quen vende avións de guerra de última xeración aos exército Israel para que bombardee á poboación palestina e de quen entrega bombas de fragmentación para despois criticar o seu uso contra os bairros de Beirut.

Estados Unidos necesita restaurar as súas alianzas básicas na zona mediante un acordo aceptábel cos palestinos o que coloca ao gabinete de Tel Aviv perante a necesidade de artellar na pior das circunstancias posíbeis a devolución dos territorios roubados en 1967 contra toda norma de dereito internacional. A división do bloque palestino é grave pero a fractura entre os intereses de Norteamerica e os planos de Israel anuncia un tempo diferente para Palestina.

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.