topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3454530

Alternativas visuais

js_element_orange
Angola, a potencia galegófona da África PDF Imprimir Correo-e
Luns, 02 de Abril do 2007

Angelo Gonçalves VicenteAngola, a potencia galegófona da África

Ângelo Gonçalves Vicente

O galego é un idioma extenso e útil, porque -con pequenas variantes- fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas.

Daniel R. Castelao

Que me dirían se lles asegurase que unha persoa galega entende aínda mellor o galego-portugués angolano que o de Portugal? A aseveración podería acordar algún escepticismo por se tratar dun país situado a case 6.000 km da Galiza e do que a maioría probabelmente apenas terá ouvido falar ao longo da súa vida. Con todo, resulta rigorosamente certo: as persoas galegas e as angolanas enténdense, en xeral, aínda máis facilmente que as galegas e as portuguesas. E isto pode aplicarse a todas as ex-colonias portuguesas, ás que nos iremos aproximando en futuros artigos desta sección. Mais saltemos agora eses 6 milleiros de kilómetros para coñecermos un pouco mellor Angola, a antiga xoia da coroa portuguesa.

Angola é un país atlántico situado no sur da África e cunha superficie de 1.246.700 km2, o que equivale a algo máis de 42 Galizas e supera un pouco a extensión de 2 Penínsulas Ibéricas. Colócase, de feito, como o 23º país máis grande do mundo. A súa poboación é, segundo o Banco Mundial, duns 16.000.000 de persoas, das que se estima que a cuarta parte vive na capital, Luanda. Unha poboación, ademais, que debería crecer de maneira formidábel nos próximos anos se temos en conta que, en media, cada muller ten arredor de 7 fillos e que cabe esperar unha notábel mellora das condicións de vida da xeneralidade da poboación nos próximos anos, coa conseguinte redución da mortalidade.

É un país rico. É hoxe o segundo maior produtor de petróleo da África, agardándose que poida chegar a ser o primeiro nun futuro próximo. É xa o principal fornecedor desta substancia á China, o que lle proporciona unha relación privilexiada coa cobizada potencia asiática. É o quinto país do mundo en produción diamantífera, atendendo á cantidade e calidade da mesma. A terra e o clima permiten un desenvolvemento notábel da agricultura, sector no que o café ocupa posto destacado, tendo sido xa o produto máis exportado do país en tempos coloniais. Un café mundialmente gabado. Tamén son de salientar as riquezas pesqueiras do mar angolano, que ben coñecerá o noso sector mariñeiro. E aínda convirá resaltar, neste repaso burdo, a abundancia hídrica do país, pola importancia que este recurso ten hoxe e pola que terá no futuro. Angola e os dous Congos xuntan máis do 50% de toda a auga africana.

Algunhas das súas riquezas teñen contado ultimamente con recoñecementos internacionais que contribúen, ademais, a colocar a Angola nunha posición destacada no plano político global. Refírase por exemplo a súa entrada na Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), a ser formalizada en marzo deste ano, ou a asunción, en novembro de 2006, da dirección do secretariado executivo da Asociación dos Países Africanos Produtores de Diamantes, responsábeis de máis do 60% da produción mundial.

É un país cunha das taxas de crecemento económico máis espectaculares do mundo na actualidade. O seu PIB creceu, en media, 8,29% de 2000 a 2005 esperándose, segundo o Fondo Monetario Internacional, que creza 14,3% en 2006 e 31,4% en 2007. Téñase en conta que do PIB da Unión Europea creceu 1,8% en 2005.

Mais Angola, aínda que rica, tamén é un país en recuperación dunha dura guerra civil que se prolongou de 1975 a 2002. Está, así, lonxe de aproveitar ao máximo as súas potencialidades e precisa inxentes cantidades de recursos para reconstruír estradas, camiños de ferro, edificios ou para recuperar terras de cultivo. Necesita os últimos coñecementos nas máis variadas esferas: cooperativismo agrícola, aproveitamento enerxético, turismo ou informatización de procedementos administrativos. Demanda, nótese, recursos e coñecementos que, en boa medida, a Galiza podería fornecerlle perfectamente, favorecendo así intercambios mutuamente beneficiosos. Advírtase que, no entanto, as exportacións da Galiza para Angola son hoxe meramente testemuñais, representando aproximadamente o 0,1%.

Angola é tamén un país de necesidade, derivada dunha pésima distribución da riqueza. Un país que ten algúns dos indicadores sociais máis alarmantes, nomeadamente no rural, e que precisa de toda a cooperación para o desenvolvemento que poida serlles proporcionada. Sendo tamén ínfima a participación galega neste ámbito.

De Angola aínda debe ser destacada unha cultura formidabelmente rica que, conforme o país se desenvolva, con certeza coñecerá unha grande expansión e acordará o interese internacional. Lembremos aquí, en nota breve, ao músico Alberto Mbundi por ser o artista angolano máis coñecido no noso país.

A vella xoia da coroa portuguesa é, en fin, unha realidade que emerxe con forza, chamada a ocupar unha posición de notábel relevancia no escenario planetario a todos os niveis. Un país, agora si, conscientemente unido no obxectivo de aproveitar os seus inefábeis recursos para conseguir un desenvolvemento que, conforme algúns obstáculos sexan removidos, e serano, acabará beneficiando a toda a poboación. Un país con moito que ofrecer hoxe e que terá aínda máis que ofrecer no futuro.

Relacionándonos con el só podemos gañar.


 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.