|
Complexo “Coto Pinzás”: Campos de golf, alto consumo de auga, contaminación das augas subterráneas e impacto social  Fotomontaxe presentado aos comuneiros (II) Valores medio ambientais e ecolóxicos. Consumo de auga. Contaminación. Patrimonio arqueolóxico. Impacto social - Só os dous campos de Golf consumirían 1,6 millóns de litros de auga diarios.
- O incremento da poboación podería supor un medre do 1.987%
Neste segundo e útlimo artigo sobre o proxecto de construcción dun complexo deportivo, turístico e residencial no monte comunal de Pinzás, centrarémonos nos aspectos que teñen a ver cos valores medio ambientais e ecolóxicos da zona e no consumo de auga que conlevaría a mantemento dos campos de golf, a contaminación con fertilizantes e pesticidas así como nos posibles efectos sobre o patrimonio arqueolóxico existente na zona e o impacto social que suporía o medre irracional da poboación coa creación da zona residencial.
Valores medio ambientais e ecolóxicos A pesar do que os promotores do proxecto sosteñen no "Estudo de sostenibilidade medioambiental e impacto territorial e paisaxístico" -que actualmente está en exposición pública-, que "non se afecta a recursos protexidos" e mesmo minimizan e desprestrixian o valor dos montes de Pinzás con aseveracións tais como que é "un medio natural de calidade inferior á media dos montes galegos" ou que "non foron identificadas especies de flora ou fauna en perigo de extinción ou amezadas de xeito significativo", dende a Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM) tense solicitado que esta zona se inclua na Rede Natura 2000 e tamén no catálogo de humedais protexidos da Xunta de Galiza, precisamente pola súa interesante e abundante biodiversidade. O Chan do Cereixo é un paraxe natural cunha especial singularidade no cal se poden atopar moitas especies protexidas e, segundo dita asociación, débese protexer para evitar a alteración deste emblemático lugar. Así, Anabam, nunha visita de tan só duas horas realizada en outubro de 2005, observou 21 especies diferentesde de aves. Tamén ten inventariada na zona a Salamántiga galega (en perigo de extinción), a Pintafontes, a Pintafontes verde, a Píntiga, o Sapiño pinto e outras, que están catalogadas como especies de Interese especial, casi ameazadas ou vulnerables. Consumo de auga Existen moitos datos sobre o consumo de auga dos campos de golf, sobre todo nos instalados na zona do Mediterraneo, por ser esta das primeiras na que se instalaron este tipo de infraestructuras deportivas. Mais os datos desas zonas non son extrapolables a Galiza, pois as condicións climatolóxicas non son as mesmas que as galegas. Polo tanto tomamos como exemplo estudos feitos en Asturias, donde as condicións de pluviosidade son máis semellantes ás nosas. Así, un campo de golf de 18 buratos, como o que se pretende instalar en Pinzás (ademais de outro de 9), consume 1.000 m3 de auga diarios, isto é, un millón de litros de auga diarios. O propio "Estudo de sostenibilidade medioambiental e impacto territorial e paisaxístico" prevé para os dous campos de golf un consumo diario de 1.600 metros cúbicos de auga. E dicer, o que necesitaría unha poboación de 10.322 habitantes, ou o que é o mesmo, unha poboación maior á da Guarda na súa totalidade (10.254 datos INE 2006). Se temos en conta que o precio medio do metro cúbico de auga en Galiza é de 0,63 euros (datos INE 2003), o mantemento dos campos de golf, só en auga, custaria diariamente 1008 euros. Se ademais lle engadimos o consumo das 800 vivendas que teñen previsto instalar, que no propio Estudo de Sostenibilidade estiman unha ocupación máxima de 4 persoas por vivenda, isto é 3.200 persoas, e temos en conta que o consumo medio en Galiza é de 155 litros/habitante/día (datos INE 2004), estariamos a falar como máximo de 496 metros cúbicos/día máis a engadir, e dicer, 2.096 m3/día. Asi mesmo, habería que engadir que está previsto a instalación dun "lago artificial", o cal incidirá nun maior consumo de auga, pois nestas masas de augas superficiais almacenadas incide de maneira máis acusada o efecto da evaporación. Resulta cando menos contradictorio, que, mentras o debate sobre o futuro dos recursos hídricos a nível mundial, que cada vez son menos, pasa por unha mellor xestión dos mesmos, aquí se presente un proxecto que ten un consumo descomunal para o uso duns poucos privilexiados. Contaminación Outra cuestión na que incide directamente a instalación dos campos de golf é, a contaminación das augas subterráneas. Son dous os aspectos fundamentais ligados á perdida de calidade das augas subterráneas, por unha banda, a explotación intensiva dos acuíferos, só hai que ver os datos expostos con anterioridade, o cal influirá de xeito decisivo no caudal do río Cereixo, que é un dos principais recurso hídrico de Tomiño, e por outra, na contaminación da auga pola utilización masiva de tratamentos para o cespede e o chan con fertilizantes, pesticidas ou herbicidas selectivos para controlar ás "malas herbas". Fertilizantes Os fertilizantes usanse para manter en condicións óptimas os campos de golf todo o ano. O uso destes productos pode ocasionar unha alteración da calidade natural das augas subterráneas, polo incremento de compostos de nitróxeno e fósforo, dous dos compostos máis utilizados para revitalización da raíz do céspede, o incremento do seu crecemento e a intensificación da súa cor verde. Pesticidas Os pesticidas utilizados para o control de plagas nos campos de golf son tóxicos para os mamiferos en maior ou menor medida. Un gran número destas sustancias químicas artificiais que se verten ao medio ambiente, así como algunhas naturais, teñen potencial para perturbar o sistema endocrino dos animais, incluídos os seres humanos. Entre elas atópanse as sustancias persistentes, bioacumulativas e organohalóxenas que inclúen algúns plaxicidas utilizados no control de plagas nos campos de golf (funxicidas, herbicidas e insecticidas). Entre as repercusiones observadas nestas sustancias figuran a disfunción tiroidea en aves e peixes; a disminución da fertilidade en aves, peixes, crustáceos e mamíferos; a disminución do éxito da incubación en aves e peixes; graves deformidades de nacemento en aves e peixes; anormalidades metabólicas en aves, peixes e mamíferos; anormalidades de comportamento en aves; demasculinización e feminización de peixes, aves e mamíferos machos; defeminización e masculinización de peixes e aves femias; e perigo para os sistemas inmunitarios en aves e mamíferos. Para unha maior información sobre os efectos dos pesticidas, pódese consultar o seguinte documento. Patrimonio arqueolóxico A zona do Chan do Cereixo onde se pretende a ubicación deste complexo, linda coa parroquia de Donas (Gondomar), donde no lugar de “As Campurras” xunto ao nacemento do río Cereixo que cruza Pinzás, o servizo de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos, grazas a unha axuda da Fundación Barrié, está a realizar catas arqueolóxicas, das que xa se sabe que na zona ubícase un poboado da época do neolítico, cuns 400 metros de perímetro, cunha muralla de dous metros de ancho e medio de alto, composta por pedra e terra, acondicionada con canles de desagüe. Ten cunha antiguedade aproximada de 3500 ou 4000 anos a.d.c (comprobado co carbono 14). Hai varias mámoas, e no medio do poboado, nunha pedra grande (imaxe), hai uns petroglifos de coviñas, parece ser que esto é excepcional, xa que polo xeral soen estar fóra do poboado. É, pois, moi probable que na zona de Pinzás tamén quedarán pegadas e restos das xentes que alí habitaron, como así o indica o feito de que o propio PXOUM ten catalogados varios xacementos arquolóxicos no lugar onde se ubicará o complexo, dos cales algúns quedarían dentro do mesmo ou nos límites. Impacto social Como xa dixemos neste mesmo informe, a poboación da parroquia de Pinzás é na actualidade de 161 habitantes, que na súa meirande parte adicanse as labores agrícolas, gandeiras ou traballando empregados en empresas da zona. Máis aló dos posibles impactos ecolóxicos dos propios campos de golf e da dubidosa legalidade que suporía adicar a zona residencial o monte comunal, que xa indicamos anteriormente, este complexo provocaría, de levarse a cabo, a creación dun novo grande núcleo de poboación que nada tería a ver co xeito de vida tradicional e, en consecuencia, impactaría intensamente sobre a estrutura rural dunha parroquia como a de Pinzás e o seu modo de vida habitual, pois o volume de vivendas a construír desborda o que pode considerarse como un crecemento racional da zona, xa que no peor dos casos, o incremento da poboación suporia un medre do 1.987%. Finalmente, e tal e como recollen varios estudos sobre complexos similares, decir que estes véndense como o último grito en oferta turística e como un xeito de achegar servizos a unha zona, cando a súa única función é servir de tapadeira para un crecemento urbanístico desproporcionado para a poboación existente e que, ademais, acaban implicando ás administracións municipais e autonómicas para que, en maior ou menor medida, acaben asumindo parte dos custos das infraestructuras públicas que necesitan (accesos, abastecemento de augas, etc.), ou o que é o mesmo, os beneficios serán privados pero os custes serán públicos, pois o negocio está en vender vivendas e especular con terreos mercados a prezos agroforestais e vendidos a prezos de urbanización. Anterior: |