|
Os dous campos de golf de Pinzás poderían por en perigo as captacións de auga de varias parroquias de Tomiño
Carlos Villanueva Biologo A implantación de dous campos de golf en Pinzás podería por en perigo as captacións de auga de varias parroquias de Tomiño, ademáis de que prolongaría as secas estivais e faría máis perigosas as crecidas do río Cereixo, segundo Carlos Villanueva, licenciado en Bioloxía.
Como se recolle en anteriores artigos publicados en InfoRosal.com e noutros elaborados anteriormente por ANABAM, a construcción de dous campos de golf que afectarían á Chan do Cerixo, en Pinzás, provocaría unha serie de prexuízos na fauna e flora, na paisaxe, no patrimonio arqueolóxico e nas augas tales, que cada un deles por separado sería suficiente para impedir o avance dese proxecto. Quero chamar a atención, sen embargo, sobre unha serie de efectos que apenas son tratados neses artigos e que, penso, poden ser de interese, non só para os veciños de Pinzás e todos aqueles que traballan pola conservación do patrimonio natural e histórico, senon para todos os veciños de Tebra que serían os que, sen tirar proveito dos supostos beneficios da urbanizacións dos montes, sufrirían de xeito indirecto, pero non menos grave as consecuencias. O Río Cereixo da Briña nace precisamente na Chan do Cereixo, en Pinzás. O vento procedente do mar trae grandes cantidades de vapor de auga que ao atoparse coa Serra da Groba ascende e arrefría. As chuvias son a consecuencia inmediata deste proceso. Chove polo tanto sobre os montes do Baixo Miño. A auga caída infíltrase no terreo ou escorrega pola pendente para, antes ou despois chegar ós regatos, ós ríos e o mar. A Chan do Cereixo, debido á súa pouca pendente é a zona na que se acumula a auga que se recolle en toda esta zona. É o que técnicamente se chama unha chaira endorreica. A súa vexetación está formada principalmente por brións do tipo Sphagnum. A gran importancia desta vexetación radica en que posúe unha enorme capacidade de acumulación de auga. Actúa de feito como unha esponxa que recolle e almacena a auga da choiva dos período húmidos, para liberala pouco a pouco durante o resto do ano. Non toda a auga recollida nesta zona vai parar, sen embargo ó Cereixo da Briña. O feito de permanecer meses alocada favorece a súa lenta infiltración polas fendas das rochas subxacentes, pasando así a formar parte so sistema de augas subterráneas que alimenta as fontes de todo o territorio comprendido entre Pinzás e o río Miño. A chan de Pinzás constitúe, polo tanto, a principal zona de recarga para as fontes e mananciais de toda a conca do Cereixo da Briña. A construcción dun campo de golf fai imprescindible unha drenaxe inicial da zona, xa que é imposible facer crecelo céspede sobre un aloqueiro. Ademais, a urbanización que leva consigo a construcción de 800 vivendas imperdirá a infiltración non solo da meirande parte da auga caida, polo que esta escorregará pola superficie ou polos sumidoiros da urbanización para rematar baixando en cuestión de minutos pola súa canle natural, o Río Cerixo. As consecuencias, como resulta fácil ver, son varias e ningunha boa. As chuvieiras provocarán cheas no río Cereixo; os seus efectos inmediatos dependerán únicamente da cantidade de auga caida. Ó desaparecer a chaira endorreica, e a auga non permanecer case tempo en Pinzás, os acuíferos non serán recargados durante as tempadas de chuvia, polo que todo o sistema de augas subterráneas que alimentan ás fontes e traídas da zona perderán auga. O peor de todo, unha vez estragado o sistema de recollida de auga, almacenamento e posterior conducción natural ao sistema subterráneo que leva ás fontes, a súa recuperación é prácticamente imposible. Unha vez máis, o interese público deberá estar por riba do privado; o contrario traería consecuencias irreparables que sofririán de xeito máis ou menos inmediato os veciños e veciñas de Tebra, pero que, co tempo, acabariamos por pagar todos. Mentres, e unha vez desinflada a borbulla inmobiliaria, os promotores terían recollido as súas ganancias e desaparecido. |