topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3454074

Alternativas visuais

js_element_orange
Os traballadores mobilízanse para defenderen a legalidade e os dereitos constitucionais PDF Imprimir Correo-e
Domingo, 20 de Maio do 2007

Xabier Pérez DavilaUn ano despois: o naval en folga contra a resignación

Xabier Pérez Davila 

A crise económica dos anos 70 do século transformou o modo de regulación das economías capitalistas. En poucos anos o paro e a inflación aumentaron rapidamente. Para combater a inflación os gobernos e as institucións internacionais que dirixen a economía mundial (Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo) promoveron políticas de moderación salarial. O resultado de décadas de contención salarial é un aumento da desigualdade social e a aparición do traballador pobre, que traballa a tempo completo, mais sempre no límite da exclusión social.

O segundo eixo da política económica ortodoxa foi a "reforma" do mercado laboral. A "rixidez" das relacións laborais serían a principal dificultade para recuperar o crecemento económico e reducir o paro. Cumpriría, xa que logo, diminuír a influencia sindical, crear novas formas de contratación máis flexíbel e substituír a negociación colectiva por anovadoras formas de contratación individual entre o empresario e o traballador.

Décadas de paro, moderación salarial, contratos temporais e propaganda ideolóxica debilitaron as organizacións obreiras situándoas á defensiva. No estado español a temporalidade do traballo superou o 33,3% e os salarios perden peso na renda total desde hai anos. As relacións laborais convertéronse así nun territorio sen lei no que se acepta tacitamente que non se aplicarán o Estatuto dos Traballadores nin os convenios colectivos.

Atopo un ex-alumno. Explícame que está a traballar de soldador. Cando vai asinar o contrato dinlle na empresa que entrará ás 8 e sairá ás 8 cunha hora para xantar. Son 11 horas!, exclama. Se che interesa ben, se non xa non seguimos cos papeis. Asina. É o que hai. O Estatuto dos Traballadores permite un máximo de 80 horas extraordinarias semanais. Nesa empresa faranas en pouco máis de un mes.

Nos primeiros anos deste século o automóbil e o naval da bisbarra de Vigo medran con dinamismo. A industria recupérase e crece máis que a media galega e estatal. Nestes sectores o paro case non existe e as empresas de construción de barcos teñen carga de traballo até o ano 2015. Os traballadores saben que a correlación de forzas lles é máis favorábel. Porén a temporalidade é moi elevada, chegando no naval ao 75% de traballadores con contrato de duración determinada. Esta taxa de temporalidade é 2,3 veces superior á estatal, que á súa vez triplica a da Unión Europea. Neste modelo da organización produtiva o traballador pasa anos traballando no mesmo sector, ás veces para o mesmo empresario baixo distintas denominacións sociais, construíndo o mesmo barco sen nunca acadar a estabilidade. Hai un ano o metal de Pontevedra decidiu loitar por un avance real, non un novo retroceso. A negociación do convenio colectivo vai centrarse en reducir a temporalidade. Despois dunha folga de 9 días os traballadores conseguiron un acordo que supuña un avance real e medíbel: 45% de fixos no 2007 e 50% no 2008, creación dunha axencia de colocación que xestione a contratación no sector.

Mais o empresariado non aplica o convenio. Moitas empresas seguen sen cumprir as porcentaxes de emprego fixo. Non queren perder o poder case absoluto que a temporalidade lles outorga sobre os traballadores. Velaí o motivo da nova convocatoria de folga. Os traballadores queren que se respecte a lei. Os convenios colectivos son normas de obrigado cumprimento que se publican no D.O.G. e no B.O.E. Os traballadores queren que se lles respecten os dereitos recoñecidos pola constitución: dereito de sindicación (artigo 28.1), dereito de folga (artigo 28.2), dereito á negociación colectiva (artigo 37.1). Non están dispostos a que a lei desapareza dentro das empresas, a que a negociación colectiva se converta nun ritual baleiro que non cambia a realidade da explotación.

Por iso foron novamente á folga, con unidade e determinación. Por iso deron outra volta unha lección de solidariedade e democracia. Por iso, contra a resignación, conseguiron avanzar. Ese avance concrétase no estabelecemento de garantías para que neste ano o 45% dos traballadores sexan fixos e o 60% no ano vindeiro. Pode ser un punto de inflexión na organización das relacións laborais. Custou 15 días de folga. En defensa da legalidade e polos dereitos constitucionais.

Relacionado: Coa folga do metal

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.