|
Domingo, 25 de Setembro do 2005 |
Un Kuwait para Bolivia
Gustavo Luca
Un país que reclame o control efectivo dos seus recursos ten todas as
papeletas para ingresar na Lista de Estados Delincuentes e ser acusado
de anomalía grave dentro da orde internacional. Ora, se a explotación
deses recursos está pactada co capital, todas as opcións políticas son
válidas, comezando pola de dividir o país en anacos dacordo cos
intereses privados.
Así se fixo en Iugoslavia cos bombardeos da OTAN, en Chequia, mediante
acordos favorábeis á Alemaña, e antes en Panamá, a conta de encetar o
mapa de Colombia e sustraerlle o control do Canal.
Agora a intención das empresas internacionais de enerxía fósil é forzar
a independencia dos grandes xacementos andinos de gas de Bolivia,
nomeadamente os de Santa Cruz para administrar os máis de catro mil
millóns de metros cúbicos anuais de gas en réxime de enclave. Ou sexa,
facer un Kuwait en Bolivia. Carlos Mesa dimite como presidente porque a
súa Lei de Hidrocarburos, o compromiso para evitar que os amos do gas
recompoñan o mapa como lles pete, chega tarde demais para convencer aos
movementos populares.
Durante a Guerra Fría, a solución do capital internacional para Bolivia
foi colocar un nazi coma Hugo Banzer no governo e manter o toque de
queda para que gaseiras e petroleiras fixesen magas sen seren
molestadas. Hai quen ten o descaro de cargar a crise sobre a ausencia
de organización política da sociedade boliviana. Os que evitaron a
tiros que os indíxenas se organizasen (por iso son hoxe un movemento,
non un partido) acúsanos de incoherencia e arbitrariedade.
Recordatorios: A española REPSOL/MAXUS ten un megacampo de gas en
Tarija (Sul de Bolivia) e explota outros xacementos no país en formato
de filial. Hugo Bánzer foi apoiado, entre outros, por Fraga que
promoveu un proxecto millonario de cooperación dende a Xunta para
instalarlle a un parente do dictador un náutico no lago Titicaca. (ANT
1.179) |