topleft
topright

Arquivo

Hemeroteca

Coñece....

O Baixo Miño

Servizos

Estatísticas

Visitantes: 3448905

Alternativas visuais

js_element_orange
Colonizados e culpábeis PDF Imprimir Correo-e
Xoves, 28 de Xuño do 2007

Gustavo LucaO Estado de Israel considérase maltratado nos medios de comunicación. E nós sen decatarnos. Unha activa rede internacional de asociacións de solidariedade con Israel, que tamén ten delegación na Galiza, asegura que a información e certas institucións públicas reservan inxustamente o papel de malvado para o governo de Ehud Olmert.

A indignada protesta móvenos a comprobar os agravios denunciados. Se ao que se refiren é a información sobre Palestina ocupada por Israel, o primeiro que chama aos ollos é que ningún medio acostuma darlle o nome verdadeiro de ocupación que, con todo, é o único que consideran Nacións Unidas.

O Dereito internacional é terminante: o Estado de Israel ocupa ilegalmente a terra de Palestina. É un feito básico que non figura na información dominante, como non se fala das colonias promovidas por Israel en terras de Palestina. Eles din asentamentos: pasaban por alí e decidiron ficar.

Nenos, mulleres e homes palestinos retirados da nómina dos vivos pola artillería dos helicópteros artillados de Israel (Palestina non ten forza aérea nin aeroportos) faleceron ou perderon a vida. O termo máis comprometido que os medios admiten para a poboación civil palestina varrida do mapa é o de abatidos. Un substantivo que adoita adxectivar reses mortas.

A información que nos dan sobre Palestina ocupada admite a expresión eliminación selectiva para o asasinato dunha o varias persoas por decisión do mando militar israelita. A identidade e os direitos dos asasinados desaparecen baixo a lousa de terrorista, de baixa colateral ou de miliciano para sentenciar un civil baleado polo exército de ocupación. Chamalo miliciano é unha maneira xulgalo por vía sumaria e de implicar que estaba armado. O muro que fende terras de Palestina recibe o nome de valado de seguridade. Que queiras que non.

E esta a información que a rede global dos amigos de Israel considera insultante e anti-semita? Que espacio lle queda aos palestinos (que tamén son semitas) para defenderen a súa terra? A resistencia palestina insiste en preguntar se o perigo obriga realmente a que os ocupen por terra, mar e aire ou se máis ben non estará a ocupación e o exilio na causa de todas as traxedias. Nin sequera esa pregunta ten lugar na desinformación que a profesora Genma Martín Muñoz chama cadea de inversións da realidade.

 
< Ant.   Seg. >

Colaboradores


   
 Rudesindo Soutelo Marta Dacosta
Silvio Falcón Marga do Val
 
Creative Commons License
Os contidos desta web están baixo unha licenza Creative Commons salvo que se indique o contrario.
(c) InfoRosal 2005 - 2008.
Resolución recomendada 1024 x 768 píxeles.