|
Martes, 24 de Xullo do 2007 |
Moncho Fernández Leal A Comisión Nacional de Telecomunicacións (CONATEL) é o organismo encargado de conceder licencias televisivas en Venezuela. Acordou non renovar a que, logo de 20 anos, caducaba a Radio Caracas Televisión (RCTV). Esta empresa, que pode seguir emitindo por outras canles, ten a máis outros espazos radiais e gráficos. Comercializa as súas famosas telenovelas vía Miami. As súas ondas son agora ocupadas pola nova Televisora Venezolana Social (TVES) que vai programar educación, diversidade cultural, historia e pluralidade informativa. A RCTV foi unha das emisoras que apoiou o fracasado golpe de estado de 2002. En Venezuela os medios de comunicación en mans privadas ocupan máis do 80 % do total. Boa parte deles belixerantes co movemento bolivariano.
Estados Unidos presionou á Organización de Estados Americanos (OEA) para que condenara a non renovación coma un atentado á liberdade de expresión. Fracasou. É un exemplo de que os estados latinoamericanos, diversos en gobernos e actitudes, empezan a estar unidos. En Venezuela existe un programa que pretende democratizar os medios. Creáronse centenares de emisoras radiais e televisións comunitarias. Non están controladas pola burguesía. A mocedade desta clase foi visíbel estes días nas manifestacións de protesta pola lexítima medida da CONATEL. Veunos a lembranza a canción "Las casitas del Barrio Alto" de Víctor Jara. Coma sempre, botamos en falla que os titulares, artigos e opinións dos medios de comunicación masivos falen tamen dos xornalistas asasinados no mundo e particularmente en América Latina e máis concretamente en Colombia, onde foron clausuradas 76 radios comunitarias polo goberno de Álvaro Uribe, tan simpático el para os intereses de Washington. |