|
 A morte de Vilma Espín supón a desaparición física dun dos símbolos da Revolución cubana. A que foi Déborah na clandestinidade e Mariela no decisivo II Fronte Oriental Frank Pais da guerrilla era unha figura lendaria.
Coma tanta xente da súa xeración, que se rebelou contra a tiranía de Fulgencio Batista, era moi nova cando empezou a súa militancia. Déborah foi quen servíu de ponte entre a resistencia de Santiago de Cuba e a futura expedición do iate Granma, que se atopaba preparándose en México. Logo sustituíu ao asasinado Frank Pais na coordinación do movemento 26 de xullo en accións de apoio á loita de Sierra Maestra. Transportou armas e medicamentos ata que tivo que fuxir e pasou a integrarse na columna guerrilleira do comandante Raúl Castro. En 1959, cando derrotado Batista, Cuba acada a verdadeira independencia, estaba todo por facer. Xa o dixo Vilma, nunha Revolución sempre se está a empezar, nunca se remata. Sen ter un minuto de calma, empezouse a construir unha nova sociedade partindo das ruinas da colonia ianqui. O seu traballo foi imprescindíbel na constitución da Federación de Mulleres Cubanas. Participou na histórica campaña de alfabetización, integrando a Comisión Nacional. Foi fundadora da revista "Mujeres", que significou moito no debate social en Cuba. Eran os tempos da creación dos círculos infantís, da ilustración da mocedade rural, da legalización do aborto. Vilma Espín Guillois non foi nunca primeira ou segunda dama, nin nada que semellara o que a política oficial de tantos estados promove para determinadas mulleres. A súa acción coma revolucionaria non coñeceu nin retiros nin xubilacións. Loitou, coma fai o seu pobo, ata o último día. Por iso non será esquecida. |