|
Marta Dacosta
Este artigo está dedicado a Eduardo Álvarez, como tamén, no seu día, a Xosé Manuel Carril, Francisco X. Rei e Pilar García Negro. Indignación. Indignación, cabreo, furia. Todos estes sentimentos ao comprobar unha vez máis que un cidadán que reclamou os seus lexítimos dereitos sobre o emprego do seu idioma está de novo sentado no banco dos acusados, desta volta defendéndose dunha acusación de inxurias.
É imposíbel entender que os que reclaman que se utilice a forma oficial do topónimo da cidade en que viven ou quen reflexiona sobre o seu lexítimo dereito a ser atendido na única lingua propia do noso país rematen por ser acusados e xulgados. Poderíamos preguntarnos en que mundo vivimos, en que lugar e en que espazo estamos situados, se será que moitos de nós somos verdadeiros extraterrestres situados inexplicablemente nun planeta que xira máis lentamente, que vai por detrás de nós e que non vive a mesma realidade. Un planeta hostil en que algúns habitantes viven noutra dimensión, nunha dimensión en que perciben o galego como excesivamente presente en ámbitos como o do ensino... a dimensión da irrealidade. Nese planeta hostil que non é azul nin está cruzado por un atlántico profundo, a xustiza ordenou retirar da venda a revista El jueves por mor das imaxes da súa portada. No planeta hostil de terras chas e secas, hai unha realidade que nos lembra tristes tempos pasados, tempos que queríamos ultrapasados, tempos en que o humorista deberá consultar o listado de temas autorizados mentres almorza bromuro e prozac. Os gardiáns do planeta amarelo en que os individuos desta nación atlántica somos extraterrestres, vixían para que ninguén salte as barreiras do legalmente permitido, para que ninguén poida usar as naves que permitan descubrir que hai outra realidade, a realidade azul e atlántica dunha lingua propia e única, que nos pertence e que é nosa. Por iso teiman en nos levar como reos diante da cidade, xulgándonos por defender o que é noso. Até cando estaremos no banco dos acusados por exixir o cumprimento das leis e dos dereitos que como falantes da nosa lingua nos corresponden? Até cando exixir os nosos dereitos vai ser considerado un delicto por algúns? Até cando temos que ser prudentes e pausados? Por que debemos ser nós sempre os que practiquemos o diálogo e a comprensión? |