|
Xabier Pérez Davila
Segundo o Informe sobre o Emprego 2007 da OCDE "Existem evidências de uma crescente insegurança nos mercados de trabalho e um alargamento da desigualdade.". A organización das principais economías capitalistas matiza que este impacto está a ser "amplamente sobrestimado". Porén recoñece o aumento da desigualdade.
Entre os aspectos positivos o informe salienta o peso crecente das economías dos BRIC (Brasil, Rusia, India e China) no produto mundial que pasou do 17% en 1990 ao 25% en 2006 e os 22 millóns de postos de traballo que se crearon neses países. Do lado negativo o predominio do subemprego que afecta ao 50% dos postos de traballo en Brasil e ao 85% en India. A desigualdade salarial medrou en India e China. O informe vese na obriga de recoñecer que este feito semella contradicir as teorías que defenden que a globalización favorecería os salarios dos traballadores menos cualificados. A evidencia está a obrigar a sinalados representantes das institucións capitalistas revisaren conceptos hexemónicos na ortodoxia económica das últimas 3 décadas. Así "existe actualmente uma preocupação pública genuína de que os salários estão a ser reduzidos e as condições dos trabalhadores nos países da OCDE estão a ser prejudicadas" ou máis adiante o informe debe aceptar que "a parcela de rendimento nacional atribuída aos salários dos trabalhadores descreceu con bastante rapidez en alguns países". Por outra parte medra a desigualdade entre o 10% de salarios máis altos e os percibidos polo traballadores menos cualificados..."a globalização está a permitir que pequenas elites de trabalhadores e investidores se destaquen dos restantes.". Resulta novo, para a OCDE, o aceptar que o sistema sanitario debe financiarse con impostos e que os seguros de desemprego e sistemas de pensións deben nutrirse de cotizacións sociais sen facer referencia ningunha aos servizos privados ou aos sistemas de capitalización individual. Mesmo se cita a necesidade de estabelecer "fontes de financiamento mais progressivas". O recente informe confidencial dos comisarios da UE sobre a perda de participación dos salarios na renda total xunto coas conclusións que veño de comentar da OCDE son síntomas de que a ortodoxia económica codificada no Consenso de Washington (primacía do mercado, redución de servizos públicos, eliminación dos salarios mínimos, liberalización comercial) está a erosionarse. Así sexa. Polo ben da humanidade. |