|

Moncho Fernández Leal Coma cada ano que completa decenas dende a data da súa morte, conmemórase a Ernesto Guevara de la Serna. A súa figura tornouse lendaria pola súa vida, enchoupada dunha coherencia que non é fácil de atopar fora da illa cubana, e pola súa morte, tentando levar adiante a empresa pola que vivíu: a liberación do continente americano das gadoupas do imperialismo. Repasando os xornais que no noso país deron a nova, vemos coma daban por boa a versión oficial do goberno boliviano do xeneral golpista René Barrientos que falaba da súa caída loitando. O Che non morreu en combate. Foi capturado, xa sen armas e ferido, e pasou un día prisioneiro no lugar da Higuera. A CIA, xa se sabe, decidíu o seu asasinato.
Logo da súa morte, esa mesma organización que ordenou a súa desaparición, conscente da importancia do seu símbolo, empeñouse, con moito poder, con moitos dólares, en crear unha imaxe do Che afastada da Revolución cubana, un Che aventureiro, romántico e derrotado. Hai testemuñas, en escritos e fotos, que desminten iso, pero cada certo tempo, tamén coincidindo coas décadas que pasan do seu pasamento, aparecen artigos, biografías e comentarios que alimentan a dúbida. Non é frecuente dar con persoas ben informadas, fora desta historia oficial. Do Che sábese máis polas súas fermosas fotos que polos seus escritos. A asociación de amizade galega-cubana "Francisco Villamil" vai facer unha exposición por diversos lugares do país para conmemorar a sua obra, co ánimo de recuperala dos museos da historia. A lembranza do Che está viva non só en Cuba, onde hai un pobo sorprendente que resiste, senón en todos os actos que xuntan persoas para transformar o sistema capitalista, que loita contra os pobres e non contra a pobreza. |