|
Xabier Pérez Igrexas O deseño territorial do noso país, o ordenamento do territorio e a estructuración institucional do mesmo, foi unha cuestión obviada, salvo intentos nominais, ao longo dos dezaseis fatídicos anos de des-governo Fraga, como unha mostra máis do seu deseleixo e do seu nulo interese en activar as potencialidades do país nunha esfera global que se amosa claramente hostil cara os territorios pouco preparados en termos de competitividade.
É recente a polémica arredor das áreas metropolitanas, chamadas a substituir ou suplantar non seus ámbitos aos dinosaurios institucionais que son as deputacións provinciais. O Conselleiro de Presidencia, Méndez Romeu, que ademáis de polo seu nulo talante caracterizase pola súa facilidade para xerar polémicas e liortas coas súas declaracións, anunciaba hai unhas semanas a súa proposta de que se crien dúas grandes áreas metropolitanas, unha composta por A Coruña e máis Ferrol e outra por Vigo e Pontevedra, incluíndo en ambas municipios das súas respectivas áreas de influenza. O anuncio arredor desta última provocou un nada edificante intercambio de declaracións. O Alcalde de Vigo, o socialista Abel "órdago" Caballero, tirábase á piscina asegurando que contaba co respaldo de Touriño na súa proposta de área metropolitana, denóminada Vigo28 na que non se incluía o Concello de Pontevedra. Caballero saiu encolerizado rexeitando de cheo a posibilidade de que Vigo compartise área metropolitana con Pontevedra, ao que a súa compañeira de partido, e número un do PSOE na cidade do Lérez, Teresa Casal, retrucou acusandoo de localista. Pola súa banda Touriño levantaba o órdago de Caballero e deixaba ao alcalde vigués co cú ao aire, desmentindo que o proxecto Vigo28 sexa a súa aposta. Vaia cadro... Mendez Romeu cometeu unha imprudencia, ou inda peor unha insensatez descomunal ao presentar esa proposta sen ter sido capaz de gañarse o apoio da cidade olívica, e Abel Caballero continúa a demostrar que é un bluff que está a perder a batalla da credibilidade, como semanas antes atribuindose falsamente a resolución do conflicto que derivara nunha folga do servizo de limpezas en plena campaña de verán. Teresa Casal é o mellor exemplo que a polémica pola polémica, o exabrupto e o reproche pouco ou nada achegan a un debate tan relevante como é a configuración das áreas metropolitanas de Galiza. A única nota de lucidez, e de puro sentido común, semella que é da autoría do nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra, quen afirmaba que pode que sexa positivo crear unha grande área metropolitana no sul incluíndo a Vigo e máis a Pontevedra, pois deste xeito existirá unha maior masa crítica. Non é fácil compartir ou discutir esa afirmación en termos socioeconómicos, mais de entrada Lores fixo unha análise non só como rexedor pontevedrés senón en chave de país. O proxecto de área metropolitana no caso de Vigo é unha vella demanda, durante moito tempo incompredida ou desprezada en Santiago. Os principais abandeirados deste proxecto foron no seu tempo o alcalde do BNG Lois Pérez Castrillo e o tamén nacionalista Xabier Toba, que conseguiron na lexislatura 99-03 que a área metropolitana fora un asunto principal da axenda política da cidade, asumida como aspiración pola totalidade dos axentes da cidade. No caso vigués non se trata de criar unha área de desenvolvemento socioeconómico, esa área xa existe de facto, esa sinerxia xa opera na realidade. Do que se trata é de dotar a esa realidade dun instrumento institucional, e orzamentario, que a vertebre e a dimensione. Teresa Casal acusaba de "viguista" a Abel Caballero. O certo é que o "viguismo" entendido como unha expresión da cerrazón localista pouco ben lle ten feito ao desenvolvemento da cidade, é necesario ampliar as miras e apostar por unha perspectiva de conxunto, de país, pois estamos a falar do desenvolvemento da área de influenza da principal cidade do país, e do seu motor económico. Pero é obvio que non terá ningunha lóxica calquer deseño que non conte coa opinión do principal núcleo desa futura área metropolitana. É imprescindíbel un debate sosegado, con claridade e con propostas serias, non unicamente con globos sonda ao estilo Méndez Romeu, pois o activo ficticio que o noso país segue a perder por non dar dunha vez por todas un pulo definitivo ao deseño metropolitano é un serio lastre para o noso desenvolvemento económico e social. Vigo + Pontevedra, Vigo 28... a fórmula é debatíbel, o que xa non é discutíbel é a urxencia de crear a grande área metropolitana de Vigo, que ademáis de seguir sendo o motor económico de Galiza, converterase na cabeceira da eurorexión Galiza-Norde de Portugal e nun punto chave do eixo atlántico. Algúns acreditamos en ser vigués o xeito de sermos galegas/os en Vigo. |