|
Xabier Pérez Davila
O Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais comunica nunha nota de prensa que nos 6 primeiros meses do ano a Seguridade Social obtivo un superávit de máis de 11.000 millóns de euros (11.060,18 €). Esta cantidade equivale a case 2 billóns (1012) de pesetas e aproximadamente ao 1,1% do Produto Interior Bruto (PIB) do Estado español que está a acadar o billón de euros. O Goberno gábase da noticia, o superávit é un síntoma da boa situación financeira da Seguridade Social e garante a capacidade futura do sistema público de pensións.
A Seguridade Social finánciase con cotizacións sociais e achegas dos orzamentos xerais do estado (impostos). As cotizacións sociais financian as prestacións contributivas, os impostos financian as prestacións non contributivas e a atención sanitaria. Desde hai máis de dez anos as cotizacións sociais permiten pagar todas as prestacións contributivas e xerar un superávit que desde 2003 é superior a un punto porcentual do PIB. Con este excedente estase a dotar un Fondo de Reserva para o pagamento das pensións futuras. Todo ben? Imaxinemos unha familia que vive dos seus salarios e consegue aforrar 500 € todos os meses. A súa situación financeira é envexábel. A xestión económica boa. Ou non? Agora preguntémonos: non se alimentan correctamente?, teñen pingueiras no tellado? afórrase nos medicamentos que lles compren aos nenos? Se así for cumpriría reducir o aforro e aumentar o gasto, daquela a xestión económica melloraría. Segundo datos do Instituto Nacional (estatal) de Estatística (INE) no ano 2004 o gasto social medio na UE-25 equivalía ao 27,3% do PIB, no Estado español só ao 20%. Os países cun sistema de protección social máis avanzado mesmo superaban amplamente a media europea. Suecia, campioa en gasto social, chegaba no ano de referencia ao 32,9%, Francia ao 31,2%, Dinamarca ao 30,7% e Alemaña ao 29,5%. No mesmo informe do INE figuran as pensións medias mensuais no ano 2005: viuvez, 455,26 €, orfandade, 257,96 €, non contributivas, 334,67 €. O gasto sanitario público era en 2002 do 5,4% (1 ) do PIB no Estado español fronte a un 6,4% na UE-15, un 8,6% en Alemaña, un 7,9% en Suecia ou un 7,3% en Dinamarca. Por non falarmos da insuficiencia do gasto público en axudas por fillo ou en políticas de vivenda. Aumentarmos o gasto social até situármonos na media da UE-25 implicaría aumentar os recursos nun 7,3% do PIB. Cada punto porcentual do PIB estatal son uns 10.000 millóns de euros. Igualarmos o gasto social estatal á media da UE-25 implicaría aumentalo en 73.000 millóns de euros. Para comprendermos a importancia desta cifra citemos que en 2005 o principal gasto social, vellez, fundamentalmente pensións, ascendeu a 71.000 millóns de euros e o segundo, atención sanitaria, a 53.000 millóns de euros. Na Galiza cada punto porcentual do PIB galego son aproximadamente 517 millóns de euros. O gasto social galego podería aumentar en máis de 3.500 millóns de euros. O orzamento da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar é para 2007 de 406 millóns de euros, o da Consellaría de Educación de 2.142 euros e o de Vivenda e solo de 114 millóns. Unha política de esquerdas, é dicir, que persiga máis igualdade no reparto da renda, unha educación e sanidade públicas de calidade, unha política de vivenda que facilite a emancipacións d@s moz@s, servizos de garderías suficientes, atención pública ás persoas dependentes, axudas mensuais e suficientes por fill@ melloraría a calidade de vida das clases traballadoras, das mulleres, especialmente traballadoras, e da mocidade. Para desenvolver esa política é imprescindíbel aumentar a capacidade de recadación do sistema impositivo e a súa progresividade. Arestora o superávit monetario da Seguridade Social enmascara un grave déficit social. (1) Os problemas financeiros do Sergas, Xaquín Álvarez Corbacho en Chaves da Economía Pública Galega, VVAA. |